O premio “Entre Mulleres” recoñecerá a Paula Alvarellos a título póstumo

O premio “Entre Mulleres” do Concello de Lugo outorgarase a título póstumo á exalcaldesa Paula Alvarellos, “polo seu traballo na loita pola igualdade e polo impacto que tivo na sociedade lucense”, segundo explicou a concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo. A entrega terá lugar este venres, 6 de marzo, ás 17.00 horas no salón de plenos do Concello.
A proposta partiu da propia concelleira e vicepresidenta do Foro de Igualdade, quen na última reunión do organismo presentou a iniciativa, que recibiu o apoio maioritario das asociacións, grupos políticos, colexios profesionais, fundacións e sindicatos que integran o foro. O galardón quere recoñecer o compromiso de Paula Alvarellos coa igualdade e o impacto que deixou na sociedade lucense.
Este premio, tradicionalmente vinculado ao 8M, Día Internacional da Muller, busca visibilizar a mulleres e colectivos destacados na loita pola igualdade. Tras suspenderse a pasada edición polo falecemento da alcaldesa, neste 2026 o Concello recupera a entrega do galardón. Ademais, o Programa do 8M incluirá diversos eventos baixo o lema “Mulleres con Forza”, nos que se abordará a igualdade desde ámbitos sociais, culturais, empresariais e deportivos.