O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea chega a Lugo

LugoXa
O Pazo de San Marcos acolle a mostra Os batismos da meia noite do valenciano Joan Alvado, gañador do X Premio Galicia de Fotografía Contemporánea organizado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entre outras institucións.
29 Dec 2022

O Pazo de San Marcos acolle a mostra Os batismos da meia noite do valenciano Joan Alvado, gañador do X Premio Galicia de Fotografía Contemporánea organizado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entre outras institucións.

A mostra exhibe un proxecto fotográfico realizado nas serras da Raia que debulla ritos e crenzas da cultura galego-portuguesa. En Lugo comeza un itinerario expositivo que ha continuar durante os dous vindeiros anos por cidades galegas e portuguesas, achegando a fotografía contemporánea ao público.

Os Batismos da meia noite é o proxecto seleccionado na décima edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea na que se  reicbiron máis de 100 traballos enviados fundamentalmente desde países europeos e suramericanos. Este traballo é un ensaio fotográfico a medio camiño entre a fantasía e o estudo etnolóxico, froito dun interese xenuíno cara
a unhas crenzas que moitos insisten en catalogar como folclore do  pasado do corazón montañoso do Alto Minho, no Norte de Portugal.

O traballo constata a pervivencia dunha cosmovisión espiritual única. Un legado de cultura popular transmitida ao longo de xeracións nun lugar tan simbólico como é a Serra da Peneda, montaña na que as  forzas da luz e a escuridade libran unha batalla desde tempo inmemorial.

Ademais incorpora o uso de linguaxes e recursos que, combinados coa fotografía, enriquece a proposta expositiva e a súa potencialidade narrativa: un caderno de investigación etnográfica que recolle relatos  de persoas do Alto Minho sobre a súa relación co sobrenatural,  un arquivo audiovisual, obxectos físicos recollidos no traballo de campo, fotografías intervidas con minerais da Serra da Peneda, inspiradas no uso que se facía destes materiais en ritos funerarios do Megalítico, ou un escaneado do Tratado de Confisson, o primeiro libro impreso en lingua portuguesa en 1489, dirixido a sacordotes, que incluía un capítulo dedicado á herexía.

0.18156385421753