O presidente da Deputación, José Tomé, clausurou as as XXXVIII Xornadas Penitenciarias Lucenses
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, clausurou as XXXVIII Xornadas Penitenciarias Lucenses, organizadas pola asociación penitenciaria Concepción Arenal, e que nesta edición, están dedicadas á discriminación por razóns de sexo e á identidade de xénero.
José Tomé Roca sinalou que para a institución provincial “é un orgullo acoller unha cita coma esta, plenamente consolidada como un referente nos estudos xurídicos e no debate sobre temas de fonda repercusión social”, e deu os parabéns á asociación penitenciaria Concepción Arenal pola súa traxectoria e pola organización desta cita, que leva 38 edicións reunindo a conferenciantes de primeiro nivel.
“A grandeza das sociedades democráticas reside tamén nese poñer o acento na reinserción, na recuperación para a sociedade de quen ten cometido un delito”, afirmou. Por iso, “é importante que o paso pola cadea preserve os ideais que como sociedade defendemos”, manifestou, subliñando a importancia de promover un sistema penitenciario que castigue o delito, pero orientado á reparación de danos e á reinserción das persoas que cumpren condena.
O presidente tamén quixo recoñecer o legado de Concepción Arenal, impulsora do pensamento moderno en materia penitenciaria, e lembrou a necesidade de seguir loitando pola dignidade e igualdade dentro das institucións penais, “incorporando políticas de igualdade de xénero e diversidade sexoxenérica nas prisións, un ámbito que historicamente foi marcado pola predominancia masculina tanto no persoal penitenciario como nas persoas condenadas”, enfatizou.
“A loita pola dignidade dos presos ten que seguir hoxe tan viva como no momento no que a puxo en marcha Concepción Arenal”. Unha dignidade, dixo, “que ten que ter sempre como horizonte garantir que, preservando o cumprimento da pena ditada, as condicións de vida dos presos se achegan aos estándares sociais do momento”.
Tomé Roca rematou asegurando que “a Deputación de Lugo continuará apoiando estas xornadas e os valores de igualdade e dignidade humana que representan”, considerando o evento como un exemplo de diálogo e compromiso social para o futuro da reinserción e o respecto polos dereitos humanos no sistema penitenciario.
As xornadas remataron este mércores coa conferencia da voceira de Alianza contra o Borrado das Mulleres e exdeputada do Goberno de España, Ángeles Álvarez, que abordou a eliminación de todas as formas de discriminación contra mulleres e nenas que resultan da substitución da categoría sexo pola de identidade de xénero.