O presidente da Deputación promove en Uruguai novas vías de cooperación económica para Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo en Montevideo unha reunión de traballo co subsecretario do Ministerio de Gandería, Agricultura e Pesca de Uruguai, Matías Carambula, así como cos directores xerais do Ministerio, no marco da misión institucional e empresarial que o leva estes días a Uruguai e Arxentina xunto á Confederación de Empresarios de Lugo.
No encontro, Tomé estivo acompañado polo secretario xeral da CEL, Jaime López, e polo conselleiro delegado, Eduardo Valín, ademais de contar co apoio institucional do embaixador de España no Uruguai, Javier Salido Ortiz, quen resaltou o valor da cooperación económica e territorial entre ambos países e mostrou respaldo á delegación lucense.
Durante a reunión, os responsables do Ministerio detallaron as principais liñas produtivas e exportadoras de Uruguai no eido agropecuario, centradas na carne de bovino e ovino, o arroz e a actividade forestal, ao tempo que destacaron os avances na promoción do sector pesqueiro como novo motor económico. Tomé Roca subliñou o peso da provincia de Lugo como primeira produtora de leite de España e puxo en valor o seu sector primario moderno, diversificado e competitivo, baseado na innovación tecnolóxica e na aposta pola sostibilidade.
A xuntanza permitiu avanzar en posíbeis vías de cooperación entre Lugo e Uruguai, coincidindo ambas delegacións na existencia dun forte vínculo histórico, social e cultural entre Galicia e o país suramericano, froito dunha longa tradición migratoria. Analizáronse así oportunidades de intercambio técnico e comercial nos ámbitos agroalimentario, forestal e pesqueiro, ademais de opcións de colaboración en proxectos de innovación e formación profesional ligados ao sector primario.
O presidente destacou que Lugo e Uruguai “comparten o valor da terra e do traballo”, un nexo que —dixo— serve de base para fomentar novas relacións institucionais e económicas. Engadiu que a internacionalización das empresas lucenses e a cooperación entre administracións e sector privado son fundamentais para fortalecer un desenvolvemento sostíbel e impulsar a presenza exterior da provincia.
A delegación lucense completou a súa axenda cun encontro con representantes empresariais e cámaras sectoriais uruguaias, así como coa Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai, onde se estudaron liñas de colaboración relacionadas coa innovación agroalimentaria, a transformación de produtos e o desenvolvemento pesqueiro. Tamén se analizaron posíbeis acordos de intercambio comercial e técnico. Á reunión asistiron o embaixador de España en Uruguai e outras autoridades do país.