O Presidente da Deputación recibiu o premio 'Crer no Movemento Veciñal' de Cogave

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
El presidente de la Diputación de Lugo recibió el premio "Creer en el Movimiento Vecinal" que otorga Cogave.
Premio Cogave jose tome
29 Nov 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi distinguido este domingo co premio Crer no Movemento Veciñal que lle entregou a Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE). Un acto que acolleu o Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo ao que asistiron autoridades e representantes do tecido asociativo, empresarial e social da provincia.

“É un gran orgullo para min recibir este premio que concede COGAVE, e facelo nesta sede do Círculo das Artes, que é un bo exemplo dos logros que conseguen os veciños e veciñas de Lugo cando traballan por un obxectivo común”, expresou Tomé Roca cando recibiu o premio. “Hai 166 anos, en 1855, medio centenar de lucenses xuntaron esforzos para crear este espazo de encontro, diálogo, fomento da cultura e debate arredor dos temas relevantes para a cidade e para a provincia. Estes ideais son os que guían tamén ao movemento veciñal en Lugo e en Galicia”.

O presidente asegurou que este premio “non pode quedar só no recoñecemento do traballo feito. Poden estar seguros de que, para min, será un aliciente para seguir traballando no futuro, sempre cunha actitude de diálogo e de atención á sensibilidade e á opinión da xente”.

Como representante institucional da provincia manifestou sentir orgullo porque a provincia de Lugo reúne a máis da metade das asociacións de veciños coas que conta toda a comunidade autónoma, xa que, “das 500 asociacións rexistradas en Galicia, 300 pertencen á provincia de Lugo, o que é ademais un sinal de identidade da nosa terra”.

Isto, asegurou o Presidente, “é un exemplo de calidade democrática porque a vitalidade dunha democracia mídese, tamén, polo dinamismo do movemento veciñal”. José Tomé puxo en valor que ao longo do tempo os veciños e veciñas fixeron reivindicacións moi importantes en materia sanitaria, transporte por estrada e ferrocarril, ou para o recoñecemento do patrimonio medioambiental e cultural, e, neste sentido, subliñou que o movemento veciñal “é unha das canles imprescindibles que une a accións política coa rúa. Por iso, non podemos perder nunca o contacto coa rúa, cos veciños e coas veciñas, cos barrios, coa realidade do día a día, cos pequenos e cos grandes problemas da xente”. “Eu penso que a boa política só ten un segredo: o diálogo”, asegurou o Presidente, “pensábao na miña etapa como sindicalista, na que o diálogo entre traballadores, empresarios e administración me pareceu sempre a mellor ferramenta para conquistar avances sociais. Agora, como alcalde de Monforte e como presidente da Deputación de Lugo, sigo mantendo esta opinión e esta práctica de dialogar”. Deste xeito, lembrou que mantén “unha liña de diálogo e de colaboración constante cos veciños e coas asociacións veciñais, unhas asociacións que demostraron, unha vez máis, a súa capacidade e relevancia nos momentos máis duros da pandemia, e así continuaremos de aquí en diante”.

O obxectivo de Cogave con estes galardóns é recoñecer o labor de persoas e entidades que promoven os valores do movemento veciñal. Ademais de premiar ao Presidente da Deputación de Lugo, tamén recibiron galardón Alicia Tojeiro, José Antonio Méndez García, Jesús Basterrechea, José Manuel Carballo Vázquez, o colexio de enfermaría de Ourense, o servizo de voluntariado de Protección Civil de Ourense, a asociación española contra o cancro de Pontevedra, José Solla González, Diana Piñeiro Comesaña, Os Ninguéns, José Antonio Paredes Nores e Héctor Castiñeira López.

XUNTA DE GALICIA

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto,  anunciou nesta mesma gala que a Xunta incrementará o próximo ano o orzamento de subvencións do Plan específico de acción comunitaria para asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, que o Goberno galego publica cada ano para fomentar o asociacionismo veciñal e contribuír a mellorar a calidade de vida local.

O Goberno galego, tendo en conta o elevado número de solicitudes que se presentan cada exercicio, reservará 3 millóns de euros para estas axudas na convocatoria de 2022, o que supón un 20% máis que os 2,5 millóns da orde deste ano, da que se beneficiaron 173 entidades. Ademais, nos últimos anos a Xunta leva investido preto de 13 millóns de euros para financiar un total de 1.121 proxectos destas organizacións cos que garantir o seu funcionamento e o mantemento da súa actividade.

"Estas axudas anuais contribúen a mellorar a calidade de vida dos cidadáns, mediante investimentos tanto de obras nos locais sociais como na dotación do equipamento necesario para levar a cabo as súas actividades, así como en actuacións nas traídas de auga veciñais", dixo.

Natalia Prieto destacou o importante papel que desempeñan as asociacións veciñais na dinamización da vida local, así como para recoller e atender as demandas dos cidadáns ao constituír o ámbito máis próximo á veciñanza.

0.17978096008301