O presidente da Xunta mostrouse orgulloso do Centro de Recuperación da Fauna Silvestre do Veral de Lugo

LugoXa
Dixo que este centro contribúe a “garantir un medio ambiente sostible e a biodiversidade”, e representa “esa Galicia Calidade que é tamén a nosa riqueza animal”
O-Veral-Lugo
16 Apr 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou o Centro de Recuperación da Fauna Silvestre do Veral, en Lugo, onde puxo en valor o labor desenvolvido neste espazo e reiterou o compromiso do Goberno galego coa conservación da biodiversidade e a recuperación de especies autóctonas.

Acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, Rueda destacou que o centro forma parte dunha rede provincial de instalacións especializadas que reflicten “o traballo incansable de profesionais que dedican a súa vida a coidar da fauna que hai en Galicia e que forma parte dos atractivos desta comunidade”.

Durante a visita, o mandatario autonómico mostrouse orgulloso da existencia deste tipo de infraestruturas que contribúen a “garantir un medio ambiente sostible e a biodiversidade”, ao tempo que representan “esa Galicia Calidade que é tamén a nosa riqueza animal”.

A Xunta de Galicia investiu máis de 600.000 euros na mellora das instalacións do centro do Veral, cun enfoque dirixido a lograr un modelo de recuperación máis eficaz, profesionalizado e preparado para os retos actuais. Entre as melloras destacan un novo módulo de recuperación, a instalación dun túnel de voo para o adestramento de aves recuperadas e a ampliación da zona acuática con dúas piscinas cubertas, especialmente pensadas para aves mariñas peláxicas.

Rueda subliñou tamén a relevancia do centro como referencia a nivel galego, salientando espazos como o recinto especializado para o oso pardo, deseñado para atender emerxencias relacionadas con esta especie, así como o traballo de recuperación de distintas especies de aves e a conservación do mexillón de río, unha das especies máis ameazadas de Europa. Neste último caso, o centro colabora coa Universidade de Santiago de Compostela para a súa cría e estudo.

O Centro do Veral reafírmase así como peza clave na política ambiental da Xunta e exemplo do compromiso coa defensa do patrimonio natural galego.

⚙ Configurar cookies
0.20096302032471