O Pretorianos Club celebra a cuarta edición da carreira Xacorun este domingo

LugoXa | SarriaXa
A organización prevé a participación duns 250 deportistas nesta edición, que mantén as tres modalidades habituais de competición
Xacorun-Sarria
27 Mar 2025

A Xunta de Galicia renova a súa colaboración coa entidade Pretorianos Club para impulsar a cuarta edición da carreira Xacorun, que se celebrará este domingo, 30 de marzo, cun percorrido polo Camiño de Santiago entre os concellos de Sarria, Paradela e Portomarín.

A presentación oficial da proba tivo lugar hoxe en Sarria, organizada pola asociación promotora, presidida por Thor López, e contou coa asistencia da directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López.

A organización prevé a participación duns 250 deportistas nesta edición, que mantén as tres modalidades habituais de competición: un percorrido completo de 23 quilómetros: con saída en Sarria e meta en Portomarín; unha modalidade por remudas: con relevo en Mirallos; e un percorrido curto de 10 quilómetros: con saída dende Mirallos e chegada a Portomarín.

Os promotores destacaron que a Xacorun fomenta a práctica deportiva e, ao mesmo tempo, dinamiza a economía local, xa que congrega a numerosos corredores e acompañantes que moitas veces aproveitan a ocasión para realizar visitas turísticas pola contorna.

Co apoio da Xunta, esta carreira segue consolidándose como un evento de referencia no calendario deportivo galego, promovendo o deporte e a riqueza paisaxística do Camiño de Santiago.

⚙ Configurar cookies
0.19171500205994