O problema do tráfico en Lugo: descoñecemento ou mala sinalización?

Jessica Fernández
O tráfico en Lugo volve estar no centro do debate cidadán. Máis alá das críticas ao proxecto Corazón Verde polas obras que conxestionan o centro histórico, outro punto conflitivo repítese con frecuencia nas queixas veciñais: as rotondas ou glorietas, interseccións en aparencia sinxelas pero que, na práctica, supoñen un dor de cabeza para moitos condutores.
A chamada Glorieta Xaquín Lorenzo Xocas, onde conflúen varias arterias importantes, como a Avenida Ramón Ferreiro, a Avenida Alcalde Anxo López Pérez, a Avenida Rodríguez Mourelo e a rúa Vilalba, é un dos focos de maior conflitividade. A presenza de semáforos e a pouca e confusa sinalización provocan unha circulación caótica nas horas punta que os veciños e veciñas denuncian.
O Goberno municipal, consciente desta problemática, explica que a decisión de colocar a rotonda “foi técnica e consensuada por diferentes servizos municipais tras estudar como dar solución ao tráfico nesa zona. Temos que ter en conta que se trata dunha zona sensible debido á grande cantidade de centros escolares que se atopan na zona e pode converterse nunha praza nas grandes festas da cidade. Sabemos que o tráfico conflúe nesa zona en determinadas horas, coincidindo coas horas de entrada e saída dos centros de ensino”. Por iso, adiantan que “se vai renovar a sinalización horizontal e vertical nesa zona para mellorar circulación”. Ademais, engaden que os servizos técnicos municipais, amparándose nunha das mellores empresas de Galicia, abalan a ordenación do tráfico na confluencia, aínda que se están a estudar diferentes solucións dada a sensibilidade do espazo”.

Pola súa parte, José Manuel Gómez, presidente da Asociación Galega de Autoescolas, considera que “o deseño do cruzamento é problemático dende a súa concepción. O primeiro que debemos dicir é que iso non é unha rotonda, é unha praza de circulación xiratoria, xa que non seguimos un percorrido circular como esixe unha glorieta. É un cruzamento cun elemento redondo no medio que nin sequera está elevado". A isto súmase, di, unha deficiente sinalización: "Está pouco sinalizada. Hai un ceda o paso que debería estar máis visible, e en dous puntos existen sinais verticais, pero a horizontal está borrada. Ademais, os semáforos non teñen as fases claras como antes: agora están en vermello ou ámbar, e iso xera confusión. Deberiamos volver ao semáforo tradicional de verde, ámbar e vermello".
Así, cando os semáforos están en vermello, poden pasar os peóns; cando se poñen en ámbar, non. Os condutores que soben da rúa Vilalba esperan no semáforo ata que se pon en ámbar e arrancan o coche sen mirar se hai alguén que xa hai algún coche á súa esquerda para circular de forma xiratoria. O resultado, segundo o presidente da Asociación, é evidente: “Quen coñece o cruzamento vai lento, pero quen non, dubida ou actúa por instinto. Iso xera estrés, case accidentes constantemente e unha circulación imprevisible. A lei da selva”.
A sensación de inseguridade fixo que algúns condutores eviten directamente pasar por esta zona. “Hai xente que prefire non pasar por alí. Non sabes quen ten a prioridade. Está mal sinalizado e xera confusión”, insiste Gómez. “Incluso hai coches que quedan detidos no medio da praza na hora punta, o que colapsa aínda máis a circulación”.
AS NORMAS DA DGT
Desde o Concello de Lugo reafírmanse en que é unha rotonda e, polo tanto, nela haberá que cumprir as normas de circulación establecidas pola Dirección Xeral de Tráfico, que son claras: débese ceder o paso aos vehículos que xa circulan por dentro da rotonda, utilizar os intermitentes para indicar a saída e respectar tanto a sinalización vertical como horizontal, ademais dos semáforos cando os haxa. Sen embargo, estas directrices non sempre se aplican correctamente. “O problema non é que a xente non saiba usar as rotondas, é que se esquece das normas”, afirma Gómez, presidente da Asociación Galega de Autoescolas. “Todos tivemos que aprendelas, pero logo relaxámonos, un acostúmase a facer o que ve ou simplemente por preguiza non se fai ben”.
Ademais, entre os erros máis comúns está o uso incorrecto dos carrís: “O importante é circular pola dereita, pero a xente vai pola esquerda, que debería ser só para adiantar. Para saír da glorieta hai que ir polo carril dereito, e iso tampouco se respecta”. Así, apunta que, durante as súas clases aos diferentes alumnos, presenciou situacións estresantes que puideron causar un accidente: “Presenciei moitos case-accidentes, pero por sorte a xente vai lento por medo, porque non saben a quen ceder o paso. Hai moita xente que evita pasar por alí e non vai”, explica.
Desde a Asociación Galega de Autoescolas propoñen unha solución: reforzar a educación viaria. “Debería haber campañas de concienciación constantes. Non só polas normas básicas, senón porque cada vez hai máis cambios. Por exemplo, “moita xente non sabe que o adianto a bicicletas está permitido en liña continua se non vén ninguén polo carril contrario, e tampouco aplica a distancia de seguridade”, apunta Gómez.
O presidente propón tamén a colaboración entre entidades: “A Policía Local podería facer campañas formativas, e desde a nosa Asociación estaríamos encantados de organizar cursos co Concello. Incluso se poderían subvencionar”. Sen embargo, tamén sinala que a propia xente é a causa de que non se organicen estes cursos, porque “se non o paga, non o valora e non vai”. Gómez conclúe cunha reflexión: “Temos dous problemas: o descoñecemento das normas e a falta de vontade social. E ambos deberían preocuparnos se queremos unha cidade máis segura e ordenada en materia de tráfico”.