O profesor Gonzalo Fernández Suárez renova como decano de Humanidades
O profesor da área de Ciencias e Técnicas Historiográficas do Departamento de Historia da USC Gonzalo Francisco Fernández Suárez, vén de renovar o seu mandato como decano da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC.
O profesor da área de Lingüística Xeral Miguel González Pereira, en calidade de vicedecano, e a tamén docente da área de Historia da Arte Miriam Elena Cortés López, continúan tamén como membros dun equipo de goberno que recibiu o apoio de máis do 77% das 22 persoas que participaron nas votacións celebradas o mércores 11 de outubro.
O “asentamento do grao en Xestión Cultural no actual mapa de titulacións universitarias constitúe a nosa principal prioridade para o novo mandato”, afirma o decano Gonzalo Francisco Fernández Suárez, que recoñece a necesidade de seguir a traballar a prol da promoción e de dar a coñecer este itinerario formativo ao maior número de persoas posible, a fin de incrementar as estatísticas de matrícula.
“O grao en Xestión Cultural é un título de futuro e con futuro”, afirma Fernández Suárez, que xustifica este convencemento na progresiva profesionalización da cultura, a través da figura de xestores e xestoras culturais, cara a que apuntan as últimas normativas promulgadas ao respecto. Daquela, engade o decano da Facultade de Humanidades, “o grao en Xestión Cultural é un título que ofrece moitas posibilidades de empregabilidade no sector da industria cultural”.
Alén da promoción do título en Xestión Cultural, Fernández Suárez tamén adiantou a vontade do seu equipo de dirección de traballar a prol da internacionalización deste grao, a través da sinatura de convenios de acordos con outras universidades de Portugal, Francia e Italia nas que se imparten títulos con plans de estudo nos que se advirte unha gran afinidade temática e de coincidencia de contidos.
Outras das fortalezas que presenta a formación universitaria en Xestión Cultural, xa sexa no seu título de grao xa sexa a través do mestrado en Servizos Culturais, atinxe á capacidade de espertar interese e captar alumnado a través de catro vías diferentes: As persoas que concorren as probas de acceso á universidade (Abau), estudantes que proceden de ciclos formativos de FP, profesionais en exercicio e outros titulados.
O decano da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, un centro que ao longo do curso 2024-25 conxugará previsiblemente a oferta presencial e virtual do grao en Xestión Cultural coa modalidade híbrida do se mestrado en Servizos Culturais, apuntou tamén a necesidade de ampliar e optimizar as competencias do persoal docente e investigador do centro, a través da organización de diversas actividades formativas, xa a demanda ou ben por tratarse de programas ofertados pola propia USC.
A estabilización e, se cabe, o incremento do número de persoal docente investigador adscrito á Facultade de Humanidades e a mellora de dotacións e recursos materiais apropiados para o desenvolvemento das tarefas docentes e tamén das distintas liñas de investigación existentes, constitúen outros dos cometidos do equipo decanal do centro universitario lugués.