O profesorado do IES Lucus Augusti concentrouse para reclamar a finalización das obras

O profesorado do IES Lucus Augusti protagonizou unha concentración para reclamar á Xunta que remate as obras no centro e permita o uso normal de todos os espazos, tal e como explicou a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide.
Algunhas aulas e espazos de traballo para o profesorado seguen inhabilitados debido ás obras previstas durante o verán, “o que impide que a actividade no centro se execute de forma habitual”, sinalou Buide.
A concelleira apoiou tamén a reclamación das familias afectadas polo recorte no transporte escolar do IES Sanxillao e instou á Xunta a ofrecer “unha solución rápida a unha problemática que afecta a moitas familias de Lugo”.
Buide criticou a actuación da Xunta de Galicia: “un ano máis, co inicio do curso, chegan os recortes en servizos, sen avisar, impedindo que as familias poidan organizarse”, e engadiu que “mentres cada ano desde o Concello tentamos mellorar os servizos que prestamos, a Xunta segue a recortar e a complicar a conciliación”.
A edil destacou que este ano o Concello de Lugo prestará servizo de madrugadoras e madrugadores en todos os centros, “un esforzo que realizamos desde o Concello para facilitar a conciliación familiar, aínda que nos supoña un custo engadido nun servizo que a Xunta sempre deixou de lado malia ser a súa responsabilidade”.
Buide subliñou que “o Concello de Lugo cubre servizos para que as familias poidan conciliar, mentres que o Partido Popular cada ano merma a calidade dos poucos servizos que presta directamente”.
A concelleira lembrou que as veciñas e veciños de Lugo teñen dereito a “un ensino non universitario gratuíto” e que é responsabilidade da Xunta “facilitar os servizos de transporte escolar ás persoas que o precisen”.
OUTROS ATRANCOS DA XUNTA DE GALICIA
Ademais, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, criticou a actitude da Xunta de Galicia fronte á transformación dos espazos urbanos da cidade, lembrando os retrasos nas obras da Catedral, uns traballos que comezaron en febreiro e que, segundo afirmou, “seguimos reclamando que estean totalmente rematados para o inicio das festas do San Froilán, xa que esta praza constitúe un dos escenarios centrais das celebracións”.
A concelleira destacou tamén a recente remodelación da rúa Primavera, obra do artista lucense Iago Eireos, “un mural que mellora a imaxe da entrada a Lugo polo Camiño Primitivo, un proxecto no que levamos anos traballando desde a nosa chegada ao goberno municipal mediante diferentes intervencións no espazo público”. Ferreiro engadiu que “a postura da Xunta pasa por desacreditar estas iniciativas sen recoñecer o efecto positivo que teñen para a cidade”.
Maite Ferreiro sinalou que a Tenencia de Alcaldía traballa “para situar Lugo como referente cultural e patrimonial, incrementando a calidade de vida da veciñanza e consolidando a cidade como un destino turístico sostible” e instou á Xunta “a deixar de poñer obstáculos e colaborar para acadar este obxectivo”.
“A Xunta paraliza proxectos pensados para mellorar Lugo desde o goberno municipal, como comprobamos coa praia fluvial, co contrato coa TVG para retransmitir partidos do Breogán e agora cos murais que dan a benvida a quen chega á nosa cidade”, concluíu Maite Ferreiro.