O profesorado manifestouse este martes ante a sede da Xunta
O profesorado galego volveu saír á rúa esta tarde noite nas 7 grandes cidades galegas en demanda dun acordo de melloras reais das súas condicións de traballo e do sistema educativo público, após o acordo de renuncias que asinou a Consellaría de Educación cunha minoría sindical.
As concentracións celebradas ás 19 horas foron convocadas por CIG-Ensino, STEG e CSIF, que entre as tres organizacións representan máis do 60% do colectivo docente e que seguirán con accións até que a Consellaría rectifique e escoite as necesidades que ten o ensino público. En Lugo concentráronse ante a sede da Xunta desfiando ao mal tempo.
As necesidades do colectivo foron verbalizadas no manifesto lido conxuntamente ao remate da concentración, as mesmas que o xoves pasado foron reclamadas con contundencia e cunha gran resposta desde os propios centros, con máis de 330 imaxes nas que o profesorado portou carteis, pancartas e lemas nas que insistía na baixada de ratios, a recuperación do horario lectivo, a eliminación da burocracia inútil e unhas retribucións dignas e iguais para todo o colectivo.
A seguinte acción será este domingo, 19, cunha gran manifestación nacional que percorrerá as rúas de Compostela saíndo da Alameda ás 12 horas e con finalización na Praza das Praterías na que está chamada a participar toda a comunidade educativa, ademais do colectivo docente, é dicir, familias e alumnado coa intención de sumar nesta loita pola mellora do ensino público aos principais axentes afectados polos recortes nos últimos anos.