O programa 'Ciencia á Feira' presentará en Lugo catro novas liñas temáticas para o curso 2024/2025

LugoXa
"Desde a Tenencia de Alcaldía achegamos a ciencia ás rúas de Lugo a través de obradoiros, demostracións e relatorios de carácter divulgativo", destacou Maite Ferreiro
Ciencia-á-Feira-Lugo
25 Feb 2025

A Tenencia de Alcaldía presentou as actividades do programa 'Ciencia á Feira', un proxecto desenvolvido polo grupo XuvenLAB da USC e que conta co apoio da Tenencia de Alcaldía. Na presentación tamén estiveron presentes representantes da FECYT, patrocinadora do programa, e membros do grupo liderados por Ana Cabana.

Maite Ferreiro destacou a relevancia do Campus de Lugo e subliñou que "un ano máis, desde a Tenencia de Alcaldía achegamos a ciencia ás rúas de Lugo a través de obradoiros, demostracións e relatorios de carácter divulgativo que amosan que a ciencia pode estar ao alcance de calquera".

As actividades de 'Ciencia á Feira' levaranse a cabo en Lugo este xoves, 27 de febreiro, na Feira de Nadela e no Colexio, e estarán abertas a todas as persoas que se acheguen. Durante o evento, os asistentes poderán disfrutar de diversas actividades, obradoiros e demostracións centradas na importancia dos montes comunais.

O programa 'Ciencia á Feira' presentará catro novas liñas temáticas para o curso 2024/2025, que se enfocan na resistencia a superbacterias, na singularidade do monte veciñal en man común, no impacto económico das velutinas e nas posibilidades de negocio dos bosques como sumidoiros de carbono.

O equipo de XuvenCiencia continuará a súa labor divulgativa aproveitando as feiras e mercados tradicionais, ademais de realizar visitas a centros escolares de oito municipios: A Fonsagrada, Castro de Rei, Castroverde, Foz, Lugo (Nadela), Melide, Palas de Rei e Triacastela.

As catro liñas temáticas foron elixidas entre algúns dos proxectos de investigación máis innovadores desenvolvidos no Campus Terra. Estas actividades son especialmente relevantes no contexto actual, onde se busca un modelo produtivo e económico que garanta a seguridade alimentaria, a saúde das persoas e dos animais, así como a preservación dos valores ambientais e culturais da nosa contorna.

Maite Ferreiro valorou "o interese destas actividades que divulgan coñecementos cunha aplicación inmediata na vida cotiá e que, máis aló diso, trasladan a importancia do coñecemento científico e da labor investigadora para a sociedade en xeral, poñendo en valor especialmente o traballo das investigadoras no Campus Terra que están detrás desta iniciativa".

⚙ Configurar cookies
0.65123701095581