O programa Coñece a túa Provincia organiza esta semana unha ruta adaptada

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Máis de 180 veciños e veciñas dos concellos de Lugo, A Fonsagrada, Outeiro de Rei, As Nogais e Cospeito participarán ata o venres nas viaxes gratuítas á Mariña e á Ribeira Sacra
conece-a-tua-provincia-adatada
11 sep 2024

O programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo organiza esta semana unha ruta adaptada por Foz entre as oito que percorrerán a provincia desde hoxe e ata o venres. En total, son máis de 180 veciños e veciñas dos concellos de Lugo, A Fonsagrada, Outeiro de Rei, As Nogais e Cospeito os que visitarán estes días A Mariña e A Ribeira Sacra.

Hoxe, a asociación de veciños de Benade-Calbrava (Lugo) e Auxilia (Lugo) farán diferentes rutas pola Mariña. Os primeiros coñecerán Barreiros e Ribadeo, logo de visitar a produtora do Servizo de Audiovisuais. Os segundos participarán nunha ruta adaptada por Foz tras unha parada na Granxa Gayoso Castro para coñecer as instalacións da institución provincial; no concello mariñán visitarán o Cenima, o espazo Caritel e percorrerán o paseo marítimo.

Os veciños de Castro de Cuiñas (A Fonsagrada) e o colectivo Ríos Miño e Ladra de Martul (Outeiro de Rei) serán mañá mércores os protagonistas das viaxes do Coñece. Os fonsagradinos porán rumbo ao Saviñao tras parar no Pazo de San Marcos, e a veciñanza de Outeiro de Rei parará na Granxa Gayoso antes de visitar Barreiros e Ribadeo. O xoves As Bulidoras (As Nogais) coñecerán o traballo que se desenvolve na Produtora da Deputación antes de seguir camiño cara Riotorto e Trabada, e os veciños de San Martiño de Pino (Cospeito) percorrerán o Pazo de San Marcos antes de continuar a súa ruta polo Saviñao. A asociación Aguiar (Outeiro de Rei) pechará o venres a semana de viaxes cunha visita ao Vicedo e unha primeira parada no Mazo de Santa Comba.

Case 2.000 persoas desfrutan en total este ano da cuarta edición do Coñece a túa provincia que remata en outubro e que a Deputación de Lugo promove para dinamizar a economía local e poñer en valor o patrimonio natural, cultural e histórico do territorio.

O programa inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

0.18652415275574