O programa de aceleración TurisTalent 5.0 ten seis candidatos para a súa xestión

LugoXa
A iniciativa combinará –ao longo de 9 meses– formación, asesoramento especializado e búsqueda de financiación para impulsar o talento local
Imaxe de ordenadores
19 Jan 2025

O Concello avanza no lanzamento do programa de aceleración TurisTalent 5.0 tras recibir seis ofertas para a súa xestión. Estas propostas serán avaliadas por un comité de expertos mixto, integrado por técnicos de diferentes departamentos municipais e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que valorará a idoneidade das candidaturas para impulsar esta iniciativa, co obxectivo de adxudicar o contrato nas próximas semanas.

Así o informou a alcaldesa Paula Alvarellos, quen resaltou o interese xerado por esta convocatoria, subliñando que "o feito de recibir seis ofertas para a súa xestión reflicte a idoneidade do proxecto para avanzar na innovación turística e enogastronómica, demostrando que Lugo é percibido como un espazo de oportunidades para o emprendemento nestes ámbitos”. “TurisTalent 5.0 será unha ferramenta clave para canalizar estas iniciativas e reforzar a nosa posición como destino turístico innovador, con capacidade para atraer investimentos e mellorar a calidade da oferta local", engadiu.

TurisTalent 5.0, que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística en Destino "...Et Edendo, Lucus", para o que o Goberno Local acadou 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation, ten como finalidade impulsar o emprendemento no sector turístico e enogastronómico en Lugo, proporcionando formación, asesoramento especializado e apoio na procura de financiamento a novos proxectos innovadores. A aceleradora establecerase no edificio Impulso Verde, situado na Garaballa, un espazo que busca converterse nun referente do ecosistema emprendedor da cidade.

Neste senso, Alvarellos lembrou a importancia desta iniciativa para dinamizar un sector clave na economía local. "Este programa contribuirá a xerar emprego, fixar poboación e diversificar o tecido empresarial lucense. Buscamos identificar e canalizar os recursos dispoñibles para poñelos ao servizo dos emprendedores, facilitando a posta en marcha e o crecemento de proxectos que poidan atraer investimentos e mellorar a oferta turística da cidade", sinalou.

O proceso de avaliación das ofertas presentadas será realizado por un comité mixto que combina coñecementos técnicos municipais e académicos da USC, garantindo unha valoración obxectiva e rigorosa. Unha vez completada esta fase, o Concello de Lugo adxudicará a xestión do programa a unha das entidades candidatas, cun orzamento máximo de 167.664 euros.

O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou que TurisTalent 5.0 será un programa de alto rendemento de nove meses de duración, que combinará formación, tutorización, mentoring e asesoramento especializado. "O obxectivo é que os proxectos participantes poidan validar as súas propostas, arrincar as súas iniciativas e acadar financiamento para garantir o seu éxito", apuntou.

As fases do programa inclúen unha convocatoria inicial para a captación de proxectos, unha fase de pre-aceleración chamada Talent Day, unha etapa de formación intensiva na Academia TurisTalent e un Investors Day, no que os proxectos finalistas serán presentados ante potenciais investidores.

Con esta iniciativa, mantense o compromiso de fomentar o emprendemento e a innovación no sector turístico e enogastronómico, promovendo proxectos que contribúan a unha oferta máis diversificada e sustentable, reforzando a marca turística de Lugo e potenciando os seus recursos endóxenos.

0.16514301300049