O Programa Integrado de Emprego de Palas de Rei vén de ser clausurado
Vén de ser clausurado o Programa Integrado de Emprego de Palas de Rei, compartido cos concellos de Monterroso, Portomarín, Antas de Ulla, O Páramo, Guntín e Melide.
A iniciativa, cunha duración de 12 meses, permitiu mellorar a cualificación de 100 persoas desempregadas co obxectivo de abrirlles as portas ao mundo laboral. Nese sentido, máis do 50 % dos participantes neste PIE conseguiron xa un posto de traballo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, anunciou que para o período 2024-2025 xa está aprobado un novo Programa Integrado de Emprego para Palas de Rei e os seis mesmos concellos. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiará novamente a acción con 220.000 euros.
Arias destacou a ampla dimensión dos contidos que se abordan nestes programas. Así, apuntou que imparten formación en ámbitos relacionados con sectores empresariais que teñen implantación no territorio; xunto con cualificación transversal en novas tecnoloxías, técnicas de busca de emprego e realización de entrevistas, habilidades sociais, intelixencia emocional ou fomento do emprendemento.
Así mesmo, procúrase facilitar o contacto entre traballadores e empresas e inclúese unha parte de prácticas en firmas vinculadas coa formación que se ofrece no programa integrado.