O programa 'Mulleres Rurais' chegou ao Museo Provincial de Lugo

LugoXa
El Museo Provincial de Lugo acoge dos muestras del programa Mulleres Rurais: "Recolectoras. Memoria e Terra" y "Proximidade Llunyana".
Andrea Torres explicando o proceso creativo das serigrafias
13 Xan 2022

O Museo Provincial de Lugo inaugurou no día de onte dúas mostras que forman parte do programa “Mulleres Rurais” que sitúan as mulleres que viven en ámbitos rurais no centro de procesos creativos. As mostras “Recolectoras: Memoria e Terra” e “Proximidade Llunyana” estarán na sala de exposicións do Museo Provincial de Lugo e a entrada será gratuita.

“Recolectoras. Memoria e Terra”, comisariada por Alexandra R. Rey, é un proxecto desenvolto mediante xornadas de co-creacións artísticas coa comunidade en conversa con artistas contemporáneas do tecido cultural galego. Co fin de xerar narracións colectivas que poñen en primeiro plano a realidade da figura feminina no rural. Recolle as creacións realizadas por 69 mulleres que viven no rural en obradoiros e encontros coas artistas María Gar, artista gráfica e instalativa; Ana Gesto, artista visual e perfomance; Isabell Seidel, pintora; e Andrea Torres, en diferentes emprazamentos, desde os propios domicilios das participantes ata espazos cedidos por outros colectivos.

Trátase de fotografías con composicións determinadas polos relatos das protagonistas, serigrafías e pezas cerámicas que as participantes realizaron acompañadas polas artistas, que lles facilitaron os recursos e as indicacións técnicas, e inspiradas nas súas traxectorias vitais, vinculadas ao rural.

Nese proceso creativo compartido fixo fincapé a comisaria da exposición, Alexandra R. Rey, explicando que “esta emoción representa moito mais que unha mostra de resultados. Representa os momentos de compartir, de aprendizaxe, de cuestionamento, de euforia, de realidade. Representa un proceso de convivencia no cal medramos xuntas. Podo afirmar que a pegada que deixades nas catro artistas que conforman este proxecto e en min mesma é profunda e eterna. Dise que cando unha artista crea, deixa parte da súa alma na peza, e sen dúbida non pode ser mellor definición para este proxecto: corpo, alma e Terra”.

No acto, no que participaron tanto as catro artistas como parte das mulleres que realizaron as pezas nos obradoiros, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, agradeceu “a xenerosidade de todas para sacar adiante un proxecto que visibiliza as mulleres que viven no rural, dándolles espazo e protagonismo en procesos creativos” e puxo en valor “o traballo de continuidade que se ven desenvolvendo desde a Rede Museística para implicar a comunidade nestas iniciativas”.

Proximidade Llunyana
As pezas de “Recolectoras” dialogan coa documentación, as fotografías e os obxectos recompilados no marco do proxecto Proximidade Llunyana, que pretende plasmar a emigración de Lugo a Barcelona no século XX, representada polo testemuño de mulleres.

Unha morea de maletas no centro da sala, un panel fotógrafico do Shanghái, o tren encargado de trasportar as vixeiras á terra prometida, e documentación achegada por familias que viviron o éxodo rural da posguerra -fundamentalmente cartas e fotografías- reciben á persoa visitante no refectorio do Museo.

A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, lembrou que se trata dun proxecto aberto á incorporación de materiais e relatos achegados por outras persoas e familias emigrantes.

0.090548992156982