O programa Muralleando contará desde o día 30 con 20 concertos
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron a cuarta edición ciclo de concertos Muralleando, que abrirá a Praza da Mosqueira ás distintas agrupacións musicais de Lugo. En total, 20 agrupacións mostrarán a súa música con concertos gratuítos que terán lugar os venres e sábados, a partir das 20:30, entre o 30 de xuño e o 2 de setembro.
Maite Ferreiro lembrou que "os concertos do Muralleando apareceron xusto despois do confinamento, no ano 2020, co obxectivo de animar con música os distintos paseos das veciñas e veciños ao redor da Ronda da Muralla e ao mesmo tempo colaborando co tecido cultural local, que vira anulados moitos eventos", e afirmou que “tres anos despois xa está consolidado como unha das actividades culturais máis importantes para os meses de verán, converténdose no punto de encontro das agrupacións locais, mantendo a Muralla como protagonista ao celebrarse na Praza da Mosqueira, un dos espazos máis importantes na programación cultural”.
Ferreiro destacou que a nova praza da Mosqueira “permite organizar actividades culturais e de ocio respectando a visión da gran concentración de patrimonio que hai nesta zona”, en referencia á propia Mosqueira e ao edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira.
Turismo
Maite Ferreiro afirmou que “esta fin de semana a ocupación turística de Lugo estivo próxima ao 100%, centos de persoas viñeron a desfrutar das múltiples actividades que se celebraron nas nosas rúas”. A concelleira de de Turismo destacou que a coincidencia do Arde Lucus xunto co mundial de billar deu a Lugo “unha gran proxección de Lugo a nivel galego, estatal e internacional”.
Os puntos de atención turística atenderon durante a fin de semana a preto de 4.000 persoas, e as distintas salas museísticas atenderon a máis de 1.500 visitantes en tres días. A concelleira de turismo destacou o éxito da colocación do punto de información turística da praza Maior, “cunha ubicación privilexiada que nos permite chegar cada vez a máis persoas”, explicou.
Maite Ferreiro explicou que "a cantidade de turistas que recibimos nos distintos postos do Concello non deixa de aumentar campaña a campaña", e engadiu "a importante promoción de Lugo como destino turístico de calidade e o esforzo realizado pola área de turismo para que as visitantes reciban información de calidade están dando os seus froitos".
Programación Muralleando 2023
Xuño
- 30 – Filophóbicas
Xullo
- 1 – Nebra
- 7 - Beelator
- 8 – Mr Hattaway
- 14 – Banda Filharmónica
- 15 – Voces Violetas
- 21 – The Wireless
- 22 – Verter GZ
- 28 – El Último Burro
- 29 – Haenselus
Agosto
- 5 – Rachel and the Blue Batons
- 6 – Kali la Negra
- 12 – Foolans, Beach Avenue e Jade4
- 13 – Airiños da Frega
- 19 – Por Mi Swing
- 20 – Madame Rachel
- 26 – Perguizán
- 27 – Caivanca
Setembro
- 1 – De Lope
- 2 – Holy Damn