O programa Reiníciate logra a inserción laboral de 115 mozos e mozas da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación provincial logra a inserción laboral de 115 mozos e mozas da provincia grazas ao programa Reiníciate
Reiniciate encamiña o teu futuro Deputacion presentacion
12 Dec 2022

Son aproximadamente o 25% das persoas que participaron na liña Enfoca o teu futuro deste programa impulsado pola institución provincial coa colaboración da Escola de Organización Industrial, no marco do que se realizaron un total de 26 accións formativas.

A Deputación de Lugo logrou a inserción laboral de 115 mozos e mozas da provincia grazas ao programa Reiníciate: enfoca o teu futuro, unha iniciativa que promove a institución provincial en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) que ten por obxectivo favorecer a empregabilidade das persoas mozas en profesións con alta demanda, como son as vinculadas coas novas tecnoloxías e a dixitalización, a través de formación gratuíta e prácticas remuneradas. Son aproximadamente o 25% das 463 persoas que participaron nas 26 accións formativas impartidas a día de hoxe.

Esta liña do Reiníciate, que comezou a primeiros de ano, contou con axudas dun importe total de 210.000€ para empresas e asociacións da provincia interesadas en contar con rapaces e rapazas de entre 16 e 30 anos en réxime de prácticas non laborais remuneradas.

Enfoca o teu futuro xa contou con formacións teóricas e prácticas que sumaron un total de 159 horas. Impartíronse de maneira semipresencial, dándolle ao alumnado un trato personalizado e fomentado o traballo en equipo. A formación estivo dirixida, principalmente, á adquisición de coñecementos e tarefas vencelladas ás novas tecnoloxías, á dixitalización e á administración electrónica con contidos diversos como community manager e márketing dixital, xestión informática para pemes e asociacións, xestión informática para licitacións públicas, xestión comercial e redes sociais.

Dixitaliza a túa empresa

Por outra banda, mañá luns comezará unha nova edición da formación do Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, unha liña de formación e de asesoramento personalizado e gratuíto para axudar ás empresas a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio. En total, xa participaron 320 persoas neste programa.

Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, impulsado tamén pola Deputación e a EOI, inclúe un acompañamento real, individualizado e personalizado para cada unha das empresas que decidan beneficiarse desta iniciativa, facilitando que cada unha delas teña o seu propio ritmo e un plan para dar resposta ás súas necesidades específicas da mellor maneira posible.

A formación parte dende o punto no que estea cada negocio participante en materia dixital. En concreto, desenvólvense accións prácticas como a realización ou actualización da páxina web, a creación ou mellora das redes sociais, o posicionamento na rede, o márketing dixital ou a implantación de programas de xestión ou facturación, entre outras.

0.078317880630493