O proxecto da Ronda Leste
O proxecto da Ronda Leste creado pola Xunta de Galicia atópase neste momento sometido a información pública e o trazado provisional foi aprobado a finais de febreiro. Este proxecto, para algúns necesario e para outros un ataque directo ao río Rato e a súa contorna non está exento de polémica.
Esta nova actuación da Xunta de Galicia define unha vía de novo trazado de case 2,9 km que se inicia onde finaliza a actual Rolda Leste, na glorieta coa LU-530 e que irá ata a ligazón coa N-VI.
Será unha infraestrutura en sección autovía con calzadas separadas pola que se poderá circular a un máximo de 100 km,/hora. Esta nova infraestrutura manterá unha sección moi similar ao treito que xa está en servizo e contará con dous carrís por sentido de 3,5 metros cada un, unha beiravía interior de 1 metro e exterior de 2,5 metros e ademais unha mediana de separación
O trazado terá unha pendente máxima do cinco por cento e inclúe dous pasos superiores e tres pasos inferiores ademais dos camiños de servizo a ambas marxes da nova vía ao longo dun total de 3 quilómetros de lonxitude.
Dúas desas estruturas serán singulares, pola súa funcionalidade. O paso inferior para salvar a vía do tren e o viaduto que permitirá superar o val do Rato e desembocar na rotonda da avenida de Madrid.
Neste caso será un viaduto de 120 metros de lonxitude sobre a canle e o parque do río Fervedoira, que “se optimizou sobre a súa formulación inicial reducindo a súa lonxitude para minimizar afeccións” segundo a Xunta.
Para Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade a vía “terá aínda unha maior funcionalidade que o treito xa en servizo de 2,4 quilómetros de lonxitude en sección autovía, que discorre entre a N-640 e a LU-530, e polo que circulan entre 6.000 e 8.000 vehículos ao día”. Así dixo, “a intensidade media estimada de tráfico da nova vía será de 11.000 vehículos ao día, podendo chegar a conseguir no futuro 14.000 vehículos por día”.
Diferentes grupos políticos e asociacións manifestaron nestes últimos meses os seus posicionamentos con respecto a esta nova infraestrutura que vai a desenvolver a Xunta na cidade de Lugo.
O Partido Socialista segue a considerar necesaria e continúa demandando a construción de Rolda Leste xa que entenden que é “necesario para pechar esa circunvalación que rodea a cidade e evitar tránsito rodado polas zonas urbanas” declarou a alcaldesa Lara Méndez. Sen embargo dende o grupo socialista queren “buscar unha conciliación entre unha infraestrutura necesaria para a cidade e todo o paraxe natural”.
Segundo información da actual alcaldesa os socialistas están a estudar o proxecto dende todos os servizos afectados e presentarán “as alegacións oportunas e pertinentes para que non destrúa a paisaxe natural pero na procura desa nova infraestrutura”.
A Federación provincial de Asociacións Veciñais Lucus Augusti tamén mostrou o seu apoio a construción da Rolda Leste e declaran que “defendemos, unha vez máis, tras máis de 10 anos facéndoo, a implementación e posta en funcionamento da Rolda Leste, por constituír unha infraestrutura fundamental, necesaria e dunha utilidade incuestionable para a cidade de Lugo”.
Para a Federación esta construción é importante “xa que permitiría o desconxestionamento de tráfico da estrada perimetral do río Rato, ademais da ronda das Fontiñas, e dos barrios da zona sur da cidade de Lugo”.
Pero unha vez máis, igual que fai o grupo socialista a Federación tamén solicita que “o impacto ambiental que se derive da posta en funcionamento da tan necesaria Rolda Leste, sexa, por suposto, o mínimo posible, e é esa un labor que corresponde aos técnicos e que é, en todo caso, factible”.
Ademais remarcan que “non pretendemos, desde a nosa entidade, en ningún caso, danar a contorna natural do río Rato, e estudaremos o proxecto, a fin de facer alegacións que o poidan mellorar a este respecto”. Decláranse “sen ningún tipo de dúbida” grandes defensores desta contorna natural privilexiada, e piden “atopar o equilibrio entre unha infraestrutura necesaria e unha área verde que debemos preservar e coidar”.
Para a Federación é importante atopar “o consenso e o equilibrio entre preservar un espazo natural único e pechar o anel perimetral de Lugo cunha infraestrutura imprescindible, en especial, para os veciños da zona sur da provincia lucense” e remarcan que “sentímonos moi orgullosos do espazo natural do río Rato como demostramos coa organización de actividades destinadas a promocionar o mesmo, como a camiñada anual pola devandito contorna ata o Ponte da Chanca, entre outras”.
Sen embargo frente a estas opinións que solicitan a construción da Rolda Leste pedindo que constitúa o mínimo impacto posible para o río Rato e a súa contorna natural outras voces sinalan esta infraestrutura como innecesaria e cun dano irreversible para a paisaxes que rodea a zona sur da cidade de Lugo.
O Bloque Nacionalista Galego considera que este proxecto “terá unha importante afectación na biodiversidade da contorna do Río Rato e a destrución de máis dun quilómetro de terreo que da forma ao cinto verde de Lugo”.
Por estas razón dende o BNG iniciaron unha campaña informativa sobre o proxecto, “seguiremos informando á veciñanza sobre os danos que este proxecto suporá na contorna do río Rato, destruíndo máis dun quilómetro de terreo”, declarou Arroxo quen engadiu “sería impensable hoxe repetir o debate de hai 100 anos sobre derrubar a muralla, pero é algo similar ao que a Rolda Leste suporá para o río Rato”.
Arroxo anunciou que a campaña do BNG incluirá mobilizacións “para facilitar que a veciñanza amose a súa oposición a este proxecto”, e puxo como exemplo o derrubamento do Gran Teatro, “algo que xa non ten marcha atrás e que supuxo unha gran perda para Lugo, non podemos permitir que isto se repita na contorna do Rato”.
Dende o BNG propoñen ao goberno da Xunta de Galiza que “utilice os preto de 20 millóns orzamentarios para a Rolda Leste na rehabilitación do barrio da Tinería” e engaden que “trasladando o orzamento que gardan para a rolda Leste neste ano, o barrio da Tinería poderá avanzar e poñerse ao nivel que merece como zona histórica da cidade, e o goberno galego pode buscar un trazado alternativo para a Rolda Leste, que non implique destruír unha das zonas verdes máis importantes da cidade”.
Para o BNG “a Xunta pretende a construción deste vial con 2,8 quilómetros entre a LU-530 e a N-VI, unha infraestrutura que afectará ás carballeiras do río Rato e tamén á parroquia de Bosende” e engaden “preténdese pechar un cinto de circunvalación de Lugo que, en moitos casos, duplicará os actuais accesos cara ao hospital Lucus Augusti”.
Por isto os nacionalistas reclaman á Xunta que !modifique o trazado, garantindo que se manteña a contorna do Rato, parte do cinto verde de Lugo”.
O colectivo ecoloxista Adega tamén da resposta a construción desta infraestrutura e lanza a campaña Salvemos o Pulmón Verde de Lugo coa que se pretende “denunciar e dar a coñecer á veciñanza os graves impactos que esta infraestrutura, que consideramos innecesaria, vai producir sobre o val do río Rato”. A través desta campaña tamén se pretende “poñer en valor os servizos ecolóxicos e sociais que esta zona achega á cidade”.
Para esta asociación a construción da Rolda Leste “suporá a destrución de case dúas hectáreas de arborado autóctono, recluirá os núcleos de poboación de Bosende e Barbaín entre dúas autoestradas (a A6 e a Rolda Leste) e destruirá unha zona de alto valor paisaxístico da que fan uso multitude de persoas, tal e como se recoñece no Plan de Mobilidade do Eixo Atlántico de 2021” declaran dende Adega.
A asociación Ecoloxistas en Acción Galicia e o Grupo Local de Ecoloxistas en Acción Lugo en particular, rexeitan a construción da Rolda Leste, unha “infraestrutura que fomenta o tráfico de coches e sacrifica carballeiras, o paseo do Rato como pulmón que rodea a cidade de Lugo é un patrimonio natural a conservar” declaran.
Para Ecoloxistas en Acción esta construción tamén “implicaría uns danos irreparables a nivel ambiental que dende a responsabilidade, o sentido común e o interese xeral deben evitarse” e añaden que “as administracións non deben promover o gasto de fondos públicos no prexuízo do medio ambiente e da mesma sociedade lucense que desfruta distos paraxes diariamente”.
Desde esta asociación entenden que “calquera tipo de actuación que que se quixese levar a cabo debería ir no senso contrario, a renaturalización, non podemos gastar fondos públicos para fomentar a circulación de coches e moito menos para sacrificar carballeiras, danar á biodiversidade, consumir materiais extractivos e aumentar a contaminación lumínica, acústica ou da calidade do aire”.
O grupo local de Ecoloxistas en Acción recorda que “a Xunta de Galicia basease en proxectos e estudos ambientais de hai vinte anos e polo tanto desfasados, por iso, lembrámoslle que estamos no 2023 e a sociedade e as súas demandas mudaron así como as perspectivas de crecemento da cidade, estragar o medio ambiente para adiantar un minuto nunha viaxe que xa ten vías alternativas é un despropósito. Esta obra aos únicos intereses que parece atender son aos das construtoras”.
Por todo esto dende Ecoloxistas en Acción declaran que “dicimos un rotundo no porque perderíanse carballeiras centenarias, os seus beneficios ecosistémicos, peches tradicionais e se infrinxiría un dano irreversible aos ecosistemas e ás especies ameazadas que os habitan”. Ademais “afectaranse tamén outros camiños como a vía Künig ou a vía romana XIX, sorprendentemente, nunha cidade que presume de ter varios patrimonios de Humanidade”.
Alegacións
A oposición tanto ao actual trazado como ao proxecto da Rolda Leste traduciuse estes últimos días na presentación de alegacións por parte de diferentes colectivos e partidos.
Arroxo anunciou que o BNG presenta “unha serie de alegacións que poñen de maneifesto que o proxecto que a Xunta está a levar adiante non pode continuar”, e afirmou que “desde o BNG defenderemos a protección do Parque do Rato, e seguimos reclamando ao Goberno Galego que garanta a protección desta zona verde”.
Desde o BNG reclámouse unha vez máis que o investimento previsto para a Rolda Leste se adique a recuperar o barrio da Tinería, Arroxo “trasladando o orzamento que gardan para a rolda Leste neste ano, o barrio da Tinería poderá avanzar e poñerse ao nivel que merece como zona histórica da cidade “.
As alegacións do BNG vén inviable a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto, que data do ano 2005, e que debería ser anulada debido aos cambios producidos na lexislación, dado que as obras non foron iniciadas nos seis anos seguintes á publicación da Lei 21/2013. “A presente DIA non debería ser admitida por estar fóra do prazo de 5 anos recoñecido pola lei, argumentar que se trata dunha obra xa iniciada sería burlarse da propia lei”, afirmou Rubén Arroxo. O BNG argumenta que o proxecto presenta cambios substanciais na construcción de parte das estruturas, e non se cinxe ao espazo reservado no PXOM, o que faría nula a Declaración de Impacto Ambiental de 2005.
O BNG reclama tamén unha maior protección do trazado afectado na Vía Künig, onde o propio proxecto recoñece unha afectación de 68 metros, recoñecemento que, segundo o BNG, “fai que sexa convinte acelerar o estudo da vía coa fin de non causar prexuízos que sexan irreparables a longo prazo”.
No referente ao tráfico, o propio estudo incluído no proxecto recoñece que o nivel agardado pode ser absorbido polas vías existentes, “o que converte en inútil eliminar ese terreo do paseo do Rato, un espazo verde envexable para moitas cidades”, sentenciou Rubén Arroxo.
O Concello de Lugo tamén presentou as súas alegacións, “Rolda Leste si, pero non a calquera prezo”, deste xeito a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sintetizou o posicionamento do Goberno Local ao respecto do proxecto para construír a segunda fase da Rolda Leste presentado pola Axencia Galega de Infraestruturas.
A rexedora explicaba que o Concello de Lugo presenta alegacións en contra do trazado proposto, baseándose nos informes solicitados ás áreas de Arquitectura, Arqueoloxía, Enxeñaría, Medio Ambiente e Topografía.
Malia considerala necesaria, a alcaldesa indicou, a continuación, que “tamén é certo que existen outros aspectos do proxecto que consideramos son mellorables e, por tanto, presentaremos unha batería de alegacións dirixidas a instar á Xunta a tramitar un novo procedemento de avaliación ambiental que teña en conta a normativa vixente”.
“Cómpre sometela de novo a un procedemento de avaliación adecuado que garanta a prevención dos impactos ambientais que as obras van xerar e que estableza, así mesmo, os mecanismos de corrección e/ou compensación que resulten máis eficaces, xa que a normativa actual non foi tida en conta no procedemento de 2003”, referiu Méndez.
Ademais a rexedora puxo de manifesto que os informes técnicos solicitados advirten dunha modificación substancial do trazado da Rolda Leste con relación ao recollido no documento de 2003.
Logo da análise da cartografía, tanto do proxecto inicial do ano 2003 como da modificación que se pretende aprobar neste procedemento, os servizos municipais detectaron que esta non coincide co recollido no PXOM de Lugo na parte sur do trazado, aproximadamente entre o PK 4+500 e o PK 5+080 – xa que excede da zona de reserva viaria prevista no planeamento vixente. Unha circunstancia que supón outra evidencia máis da modificación substancial referida e da perda da vixencia da Declaración de Impacto Ambiental, especialmente porque este cambio debería levar consigo unha modificación puntual do PXOM.
Incide, á súa vez, a área de Arquitectura no feito de que o novo proxecto non realiza ningunha análise sobre a repercusión que a obra terá sobre o PEPRIM, o Plan Especial de Protección do Río Miño e, máis concretamente, sobre o Parque Periurbano da Fervedoira que, xunto ao Parque Fluvial do Miño, configuran o gran sistema de espazos libres da cidade de Lugo.
Lara Méndez apuntou que “todas estas cuestións permiten concluír que o documento de actualización constitúe unha modificación substancial do proxecto orixinal e desvirtúa as esixencias, requisitos e indicacións incluídas na Declaración de Impacto Ambiental formulada no seu momento o que recomenda que sexa sometido a unha nova declaración, tendo en conta tamén que o proxecto podería non contar aínda con todos os permisos sectoriais necesarios e que se lle son exixibles”.
Para a mandataria lucense, logo dos estudos realizados ao texto presentado pola Xunta, quedan acreditados que existen unha serie de aspectos ou impactos do Proxecto da Rolda Leste sobre o Parque Periurbán do río Rato.
“As obras suporán importantes movementos de terra en localizacións que presentan unha calidade paisaxística alta, entre eles o bosque de frondosas para o que suporá perdas e a irrupción de elementos que provocarán unha considerable alteración da paisaxe. Este impacto revertería tamén, directa e indirectamente, na fauna, nos usos do solo con utilización recreativa e, por suposto, no patrimonio”, engadiu.
A este respecto, o informe presentado polo Servizo de Arqueoloxía menciona que a Vía Künning – que se atopa en proceso de ser recoñecida oficialmente como vía de peregranización – debía ser incluída no estudo para a avaliación de impactos. E que a traza da Vía Romana XIX – catalogada como camiño histórico/cultural – vese afectada directamente no tramo final do vial proxectado na súa conexión coa glorieta de ligazón coa Nacional Sexta na Avenida de Madrid, quedando interceptada neste punto polo novo vial, ocupando un tramo do trazado da vía romana de aproximadamente 100 metros de lonxitude o que obriga a adoptar as medidas correctoras que faciliten o seu paso por este punto.
“O proxecto de actualización da Rolda Leste precisa, por tanto, dun estudo moito maior para poder asegurar a súa inocuidade sobre a paisaxe, a fauna, a propia configuración do territorio e toda a riqueza medioambiental, histórica e patrimonial do municipio, tendo en conta as dimensións da obra que se proxecta”, sostivo a rexedora.
Lara Méndez anunciou, así mesmo, que o Concello aproveitará o seu escrito para facerlle chegar á Xunta outra consideración máis: a necesidade de completar o anel hídrico de abastecemento de auga.
A Deputación de Lugo detectou “graves irregularidades” no proxecto de trazado da Xunta de Galicia para a segunda fase da Ronda Leste e tamén presentou alegacións segundo anunciou o presidente provincial, José Tomé Roca.
Dende a Deputación destacan irregularidades como que a Declaración de Impacto Ambiental está caducada polo que se debe tramitar un novo procedemento de avaliación de impacto ambiental conforme á normativa vixente.
Denuncia que o proxecto incumpre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo. Co cambio de trazado, a Xunta, por un lado, elimina un viaduto sobre o Rego da Saíma e cámbiao por un recheo, o que supón uns impactos diferentes que deben ser analizados novamente; e, por outro lado, desvíase do recollido no PXOM, situándose entre os puntos quilométricos 4,5 e 5,080 moi distante do disposto no Plan Xeral.
Ademais a Xunta vulnera a lexislación vixente porque non aporta un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística. Polo tanto, debe elaborar este Estudo, en cumprimento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de Protección da Paisaxe de Galicia.
E por último o goberno provincial destaca que o proxecto presenta impactos críticos, moi graves, na contorna do Rato, tanto a nivel ambiental e visual, como dos usos do Parque Periurbano, porque modifica substancialmente a xeomorfoloxía do terreo e a paisaxe.
O informe técnico no que a Deputación basea as alegacións é moi detallado e completo, pero o presidente detallou os impactos máis graves. Así, para a apertura do trazado que propón a Xunta sería necesario cortar practicamente 7 hectáreas de bosque de frondosas, de carballos centenarios, na parte sureste. A superficie total afectada pola corta e a conseguinte fragmentación do terro sería maior e abarcaría toda a mancha de bosque existente, que é a Carballeira de Bosende.
Ademais, o proxecto contempla estruturas e elementos de gran impacto visual e ambiental, como un terraplén de ata 24 de metros de altura –equivalente a oito pisos dun edificio de vivendas- para cruzar o Rego da Saíma ou plataformas asfálticas de 30 metros de ancho.
Así mesmo, explicou José Tomé, a Xunta de Galicia “debe ter en consideración á hora de plantexar este proxecto de trazado que Lugo, e especialmente o Parque do Rato, forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, declarada pola UNESCO no ano 2002, a primeira de Galicia”.
Ante esta situación o Grupo Provincial Socialista levará ó vindeiro Pleno da Deputación de Lugo, que se celebrará este martes, unha moción esixindo á Xunta de Galicia que “corrixa as graves irregularidades” do proxecto de trazado que plantexou para a segunda fase da Ronda Leste, recollidas nas alegacións que presentou a institución ó expediente en base a informes elaborados polos servizos técnicos.
Varios colectivos ambientais, culturais, veciñais, e grupos polı́ticos entre os que se atopan Adega Lugo, Asociación de veciñas de Bosende, Mádia Leva, ConLupa ou a Sociedade Micolóxica Lucus xuntáronse diante da Xunta de Galicia, para presentar tamén as súas alegacións ao proxecto da Rolda leste.
Case foron vinte os puntos que sustentaron estas alegacións presentadas, argumentos para solicitar o informe negativo deste proxecto que supón a destrución do pulmón verde de Lugo. En canto ao proxecto, insisten dende Adega “na falta de xustificación e dun estudo de mobilidade que determine a necesidade de executar unha infraestrutura deste tipo, con tan alto impacto ambiental, cultural e social”. Para Adega este proxecto é “incompatible ademais coa Estratexia de Infraestrutura verde de Galicia”.
“Un proxecto anticuado que vai en contra de todos os compromisos locais, autonómicos, estatais e internacionais de desenvolvemento sustentable” engaden, e consideran que “a DIA de hai case vinte anos non pode considerarse válida, os datos contidos son obsoletos, e contén datos erróneos, non se avalı́a correctamente o impacto do trazado do viario sobre as especies, incluı́ndo aquelas ameazadas e a información sobre fauna do proxecto do trazado actual non se axusta ao trazado actual, sendo o inventario de fauna do proxecto de trazado manifestamente incompleto, supoñendo a eliminación de especies ameazadas e contravindo ademais á lexislación ambiental vixente”.
Ciudadanos tamén presentou as súas alegacións contra o trazado da Rolda Leste xa que o seu grupo considera que “existe alternativas de mobilidade cunha afectación moito menor sobre o medio natural”.
O concelleiro Juan Vidal Pardo foi o encargo de presentar as alegacións que denuncian que hai unha ausencia de Declaración de Impacto Ambiental válida e que ademais este trazado incumple varias leis como a Lei de Solo, a Lei de Protección da Paisaxe ou a Lei de Patrimonio.
Ademais dende Ciudadanos consideran que este proxecto terá un gran impacto sobre a Reserva da Biosfera Terras do Miño e que “O PP queda só na defensa do actual trazado de Rolda Leste. Algo que pon de manifesto a necesidade de paralizar este proxecto de forma inmediata”