O proxecto da terceira fase do polígono das Gándaras estará en información pública
O proxecto de explanación, urbanización e electrificación da terceira fase do parque empresarial das Gándaras, en Lugo, estará en fase de información pública ata o vindeiro 1 de xaneiro. Durante este período, as persoas e entidades interesadas poden consultar toda a documentación relativa ao proxecto a través da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), organismo ante o que se presentarán tamén as posibles achegas ou alegacións.
A Xunta investirá preto de 1,7 millóns de euros nas obras de urbanización da fase III das Gándaras. Esta será a segunda ampliación que se acometa no polígono lucense, ocupando unha superficie de 55.768 m2 dos que 35.434 m2 estarán reservados para usos industriais e comerciais.
En total obteranse 27 novas parcelas con superficies que chegarán ata os 5.200 m2, no caso da máis grande; aínda que a meirande parte delas se moverán entre os 945 m2 e os 1.200 m2, por ser estas as máis demandadas entre as empresas interesadas en asentarse no parque empresarial das Gándaras.
A segunda fase, a piques de rematar
Cómpre lembrar que actualmente se están a executar as obras de urbanización da segunda fase deste polígono, que abrangue un total de 97.654 m2 de solo dos cales algo máis de 45.000 m2 corresponden á superficie neta. Ao rematar esta ampliación obteranse un total de 12 parcelas, que oscilarán entre os 1.000 m2 e os 25.000 m2. Ademais, as obras previstas no marco da fase II inclúen unha zona de aparcamento de 20.000 m2 e dotada con 384 prazas, e a construción dunha praza pública.
Esta actuación foi adxudicada pola Xunta o ano pasado por un importe de algo máis de 2,6 millóns de euros e nestes momentos as obras están xa practicamente rematadas, pendentes tan só de traballos de amolloamento das parcelas resultantes, instalación de carteis co nome das rúas, probas finais, remates e tarefas de limpeza.