O proxecto de Altri provocará danos irreversibles sobre flora única no mundo, segundo investigadores da USC

LugoXa
O proxecto en Palas de Rei ocuparía 366 ha, eliminando unha parte significativa da área máis relevante para a flora ameazada
investigadorez_usc_adega_ulloa_viva
28 Xuño 2024

O proxecto da fábrica de Altri en Palas provocará danos irreversibles sobre flora única no mundo, segundo investigadores da USC. O impacto notarase especialmente nos endemismos botánicos en perigo crítico presentes na zona afectada, tal e como estudaron os investigadores Santiago Ortiz, catedrático de Botánica da USC e Miguel Serrano, profesor do Departamento de Botánica da USC, membros do Grupo de investigación "Análise e conservación da biodiversidade".

As denominadas serpentinitas de Melide constitúen un dos espazos de maior interese botánico da Península Ibérica. Situadas no centro da Galiza, presentan unha diversidade de hábitats singulares que se estenden desde os cumes fríos e húmidos da Serra do Careón até as ribeiras do Ulla. Presentan afloramentos de rochas ultrabásicas serpentinizadas, moi raras na superficie terrestre, que orixinan solos con altos valores naturais de metais pesados e baixa fertilidade. Este xogo de condicionantes ambientais tan particulares levaron a que a zona teña funcionado como un laboratorio evolutivo, dando lugar a unha explosión de biodiversidade única.

O proxecto de implantación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles en Palas de Rei ocuparía 366 ha, eliminando unha parte significativa da área máis relevante para a flora ameazada e protexida do afloramento serpentinítico e destruíndo de forma directa diversos núcleos das catro especies endémicas estritas, así como varios hábitats de interese prioritario para a UE. Debe subliñarse que estas especies en perigo están ligadas a un tipo particular de solo, cuxa particular estrutura é practicamente imposible de reproducir unha vez alterados.

Debido a isto, segundo explican os investigadores, non é viable calquera proposta compensatoria ou paliativa de translocación destas especies vexetais desde a zona afectada a localizacións onde o solo non presente esta estrutura, pois que o solo sexa derivado de rochas ultrabásicas non é condición suficiente para lograr un asentamento perdurable destas especies.

O espazo delimitado como parcela industrial acolle tamén fauna ameazada, nomeadamente moluscos terrestres, insectos, anfibios e aves de espazos abertos, grupos en recoñecido declive que se verían directamente afectados polo proxecto. Paradoxalmente, os promotores pretenden conseguir fondos públicos relacionados coa descarbonización e a mellora ambiental dos procesos industriais.

En consecuencia, dende Adega e Plataforma por unha Ulloa Viva rexeitan a instalación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles promovidas por Altri-Greenfiber en toda área con presenza do afloramento das serpentinitas de Melide, e exhortan ás institucións galegas, españolas e europeas a defender o patrimonio natural e impedir a gravísima afección á biodiversidade vexetal única presente na zona que provocaría este proxecto industrial. Este posicionamento vén de ser refrendado a pasada semana pola Xunta de Facultade de Bioloxía da USC.

0.083937883377075