O proxecto de ampliación das instalacións da Granxa Campomayor, de Palas de Rei foi, declarada iniciativa empresarial prioritaria
O proxecto de ampliación das instalacións da Granxa Campomayor de Palas de Rei foi declarada iniciativa empresarial prioritaria polo Consello da Xunta
Así, contará cun investimento de 5,3 millóns de euros cos que a empresa prevé a construción de dúas naves de galiñas en chan, unha planta de tratamento de galiñaza e unha instalación fotovoltaica.
Esta iniciativa pretende dar reposta aos retos a que se enfrontan as instalacións deste sector na actualidade e que pasan por promover sistemas máis respectuosos co ambiente e co benestar animal, así como por resolver a valorización e o tratamento da galiñaza e reducir os custos de produción mediante o autoconsumo ou o uso de enerxías limpas e alternativas.
O proxecto de Granxa Campomayor permitirá incrementar nun 61 % a capacidade de produción, polo que é necesario contar cunha planta de tratamento, xa que ante o alto volume que se prevé xerar non existe nestes momentos superficie agraria suficiente para a súa valorización. Suporá un impulso para seguir apostando polo rural e para fixar poboación. A empresa prevé comezar a finais de ano e rematar en 2026 todas as iniciativas planificadas.
O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración: supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (en concreto, serán 5,3 M€) e complementa cadeas de valor ou pertence a sectores estratéxicos como é, neste caso, o agroalimentario e, en concreto, o avícola, ao ter como obxectivo o valor engadido dos ovos mediante a elaboración de derivados.
Granja Campomayor está dando mostras da súa aposta por seguir mellorando a súa competitividade. Neste sentido, ademais deste proxecto de ampliación, xa foi beneficiaria do programa InnovaPeme e este mesmo ano a súa gama de produtos Wovo foi galardoada co premio Galicia Alimentación na categoría de produto innovador.
A nova declaración enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.
Esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa, máis incentivos fiscais ás empresas e máis facilidades para acceder ao solo empresarial. A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de barreiras á actividade empresarial.