O proxecto de guía turística recolle 21 rutas naturais de Lugo

LugoXa
O proxecto de guía oficial de turismo, incluirá itinerarios que partirán do centro, dos barrios e das distintas parroquias do rural.
guido alvarez lara mendez
12 May 2021

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe o proxecto que está a desenvolver o Concello para crear “unha completa guía sobre as rutas naturais do municipio, que nace para dar a coñecer a nosa inmensa riqueza paisaxística, cultural e histórica”.  

Esta iniciativa, que coordina e elabora o guía oficial Guido Álvarez, “un dos nosos recoñecidos profesionais do sector turístico”, sostivo a rexedora, xurde para atender a crecente demanda da cidadanía pero tamén como un revulsivo turístico.  

Lara Méndez sostivo que “un dos poucos aspectos positivos que nos deixa a pandemia é que comezamos a cambiar de hábitos, máis saudables moitos deles como é o camiñar máis e buscar  novas zonas de lecer e de paseo. E ese primeiro paso que xurdiu como necesidade para manter as distancias sociais converteuse xa para un alto número de cidadáns, nunha costume. Pensando nesas persoas, pero tamén en potenciar un turismo acorde co modelo de cidade polo que estamos a apostar e a traballar, baseado na sostenibilidade e na creación de experiencias de calidade, lanzamos esta iniciativa”.  

Para a alcaldesa, “Lugo ten unha oportunidade excelente para aproveitar os seus recursos naturais para a recuperación e dinamización económica xa que poucos municipios poden  presumir de estar inmersos na súa totalidade nunha Reserva da Biosfera, neste caso na de Terras do Miño, e de contar con paraxes magníficos, o que nos permitirá atraer un turismo que fuxe das masificacións, algo cada vez máis reclamado xa sexa turismo de proximidade ou de maior distancia”.  

Con esta idea, a guía partirá coa presentación de 21 rutas que recollerán información de itinerarios, así como da flora e fauna que as caracterizan e sobre aspectos históricos, culturais e etnográficos, ademais de distintas localizacións de interese.  

Serán percorridos que partirán do centro da cidade, dos barrios e desde as parroquias para abarcar un amplo abano de posibilidades de coñecer moito mellor as belezas de Lugo, ao mesmo tempo que se potencian estas zonas.

Algunhas das rutas son xa coñecidas, como O vello Lugo agrario, a Ruta das Chousas ou a dos Muíños do Mera, aínda que a guía aportará novas perspectivas sobre elas, pero amosarán tamén novos roteiros, con nomes tan suxerentes como O pequeno Froilán, A senda do Fervedoira, Terras de canteiras, Os bosques de Montirón ou Alfonso o Casto. Tamén incluirá  a Ruta Connexio ao pé do camiño, que recolle os itinerarios das igrexas do Camiño onde se  están a expoñer as intervención artísticas gañadoras do I Premio Connexio do Concello de Lugo, que se levará a FITUR este ano.  

Pola súa banda, Guido Álvarez explicou que “os itinerarios están deseñados para todas as persoas con datos xeolocalizados de utilidade, mapas, como chegar ata o punto de inicio,  dificultade, accesibilidade, posibilidade de ir con cans, duración aproximada, perfil topográfico, recomendacións xerais, recomendacións segundo a estación, recomendacións para ir con  nenos, puntos de emerxencia ou fontes e servizos ao longo da ruta”. Os roteiros estarán documentados, con fotografías e acceso a vídeos que axudarán a aportar máis información.  

Web e APP  

A guía, aínda que partirá destas 21 rutas iniciais, nace con vocación de que se vaia ampliando. Para acceder á información, o Concello creará una web y una APP, que incorporará como novidade un espazo onde os establecementos poderán promocionarse, “xa que queremos que esta ferramenta poida ser tamén un revulsivo para todos os axentes económicos da cidade”,  incidiu Lara Méndez.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18979597091675