O proxecto do Campus de Lugo que loita por un mercado de traballo máis inclusivo

LugoXa
O proxecto da USC Troya-Mentorin pretende incrementar a empregabilidade das persoas con discapacidade intelectual na provincia
troya-mentoring
Un dos estudantes durante as súas prácticas
17 May 2024

O proxecto da USC no Campus de Lugo Troya-Mentoring loita para que o mercado de traballo non sexa un espazo excluínte e pretende incrementar a empregabilidade das persoas con discapacidade intelectual na provincia. Impulsado pola Aula TIC PEMEs, a segunda edición deste proxecto leva dende o mes de febreiro formando a preto dunha decena de persoas con discapacidade intelectual e desempregadas para que profunden no coñecemento interno das empresas.

De feito, as persoas participantes no programa acaban de iniciar a súa fase de prácticas que se prolongará ao longo dos meses de maio e xuño, experiencia que lles permitirá poñer en valor nunha contorna real todos os contidos adquiridos nas últimas semanas. A profesora da USC na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, Ángeles López Cabarcos, é a responsable dun proxecto co que se quere “sensibilizar as empresas locais” en materia de emprego e discapacidade.

Os contidos impartidos relaciónanse co desenvolvemento de habilidades empresariais orientadas a mellorar a empregabilidade de persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual. Os coñecementos que se imparten ao longo de 30 horas, están relacionados fundamentalmente con actividades administrativas da empresa. A meta é que o alumnado adquira habilidades que lle permitan desenvolverse con éxito nese eido. Transcorrido o período formativo na USC, o estudantado realiza un período de prácticas en empresas e institucións reais durante 100 horas. “O obxectivo é achegar as empresas a este tipo de alumnado para provocar na medida do posible o seu acceso con éxito a postos laborais de calidade”, explica a profesora Cabarcos.

A primeira fase desenvolveuse de forma presencial na Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC. Para a súa execución, a Aula TIC PEMEs conta cun equipo interdisciplinario de docentes que se encargaron de impartir os contidos formativos. O alumnado tivo, no Campus Terra, apoio personalizado e adaptado ás súas necesidades específicas.

A docencia impartida é integramente inclusiva, “cunha formulación didáctica acorde coas necesidades do alumnado”, destaca Ángeles Cabarcos. Por iso, as actividades programadas e os materiais didácticos empregados atópanse completamente orientados a este fin. “Preténdese que durante a impartición dos módulos se leven a cabo actuacións de diferentes tipos encamiñadas a fomentar a participación e integración do alumnado dende o inicio”, engade. Ademais, as técnicas de ensino contemplan o traballo cooperativo e colaborativo para que o alumnado estableza vínculos entre si e aprenda o significado do traballo en equipo, “algo realmente útil para integrarse con éxito no mundo laboral real”, subliña Ángeles López Cabarcos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18279886245728