O proxecto GAMA de Altri recibe a Declaración de Impacto Ambiental favorable da Xunta

O proxecto GAMA, a planta de fibras téxtiles que Altri deseñou para Palas de Rei a través da súa filial Greenfiber, acaban de recibir a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable por parte da Xunta de Galicia, o que confirma que a iniciativa industrial cumpre con todas as normativas medioambientais establecidas pola Unión Europea.
José Pina, conselleiro delegado de Altri, destacou que “a obtención da Declaración de Impacto Ambiental permítenos avanzar, poñer en valor o carácter estratéxico do proxecto e o seu potencial para converterse nun motor de crecemento para a economía galega, española e europea. Respondemos a todos os informes sectoriais con detalle e precisión, proporcionando toda a información solicitada e facendo todas as melloras requiridas polos técnicos da administración. O resultado foi unha Declaración de Impacto Ambiental favorable para un proxecto co que buscamos transformar a industria téxtil nacional e fomentar a autonomía europea fronte ás importacións de fibras con maior impacto medioambiental”.
A planta de fibras téxtiles que Greenfiber deseñou para Palas de Rei baséase no principio da economía circular, no que se maximiza a eficiencia no uso de recursos como auga, enerxía e residuos. Este proxecto marcará un precedente na industria téxtil de Galicia ao converterse na primeira planta do mundo que integra nun único complexo industrial os dous procesos fundamentais para a produción de lyocell: a conversión da madeira de eucalipto en fibras solubles e a súa posterior transformación directa en lyocell, dous produtos de base celulósica para aplicacións téxtiles completamente biodegradables.
Con unha inversión superior aos 1.000 millóns de euros, o proxecto xerará arredor de 2.500 postos de traballo, dos cales 500 serán directos nunha planta que operará as 24 horas do día. Comprometida cos principios de economía circular, a planta optimizará o uso de recursos como auga, enerxía e residuos. A través dun sistema de circuíto pechado, recuperará máis do 99% dos disolventes empregados, reducirá ao mínimo a xeración de residuos e devolverá a auga captada ao entorno natural, cumprindo cos estándares medioambientais máis esixentes.
CRÍTICAS DO PSOE Á XUNTA
José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, criticou a falta de transparencia do Goberno galego respecto ao proxecto de Altri, logo da publicación da resolución ambientalmente favorable no Diario Oficial de Galicia (DOG). O líder socialista lamentou que a resolución non resolvese as dúbidas clave sobre a iniciativa e insistiu en que a Xunta segue sen aclarar o impacto real do proxecto.
Desde o principio, o PSdeG advertiu dos interrogantes sobre a sostibilidade ambiental, social e económica do proxecto. Besteiro destacou que, malia os anuncios sobre a creación de emprego, as cifras foron rebaixándose, o que pon en evidencia a falta de seriedade da iniciativa. "Falamos de 250 millóns de euros de diñeiro público, unha cantidade que pode hipotecar recursos fundamentais para Galicia. Non se pode arriscar esa cifra nun proxecto sen futuro garantido", afirmou.
O líder socialista tamén expresou sorpresa pola rapidez coa que a Xunta tramitou os informes ambientais necesarios para avanzar co proxecto, sinalando que esta celeridade é inusual en comparación con outros proxectos industriais na comunidade. "Por que este trato de favor? Que hai detrás destas présas?", preguntou.
Besteiro esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aclare se se comprometerán fondos públicos e cal será a súa cantidade, criticando a opacidade e a falta de respostas claras por parte do Goberno galego.
REACCIÓN DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO
Pola súa parte, o presidente da Deputación, José Tomé, aceptou o informe de viabilidade ambiental do proxecto de Altri en Palas de Rei, pero plantexa tanto á Xunta como á empresa varias aclaracións sobre a súa viabilidade económica.
“Sempre dixen que aceptaría o que dixeran os técnicos”, afirmou Tomé, polo que asegurou que “respecta” estes informes, pero para el “quedan varias dúbidas por aclarar”.
Así, sinala que hai tres puntos que xeran “inquietude”, citando en primeiro lugar que se trata dun “proxecto menos social do que se dixo, xa que o nivel de emprego será menor do que se prometeu e os seus beneficios sociais, por tanto, tamén serán menores”.
José Tomé explica ademais que o proxecto está baseado “en gran medida” en fondos que deberá conceder a Unión Europea, un total de 250 millóns de euros, polo que se pregunta o presidente da Deputación sobre a súa viabilidade económica: “Que será deste proxecto se falta esta financiación?”. Por último, reclama información sobre “o compromiso e o esforzo económico que debe facer a Xunta para axudar a financiar este proxecto”.