O proxecto ‘Minerais contra o cancro’ detecta niveis baixos de selenio en máis da metade da poboación adulta lucense

LugoXa
O estudo liderado pola USC e o HULA analizou mostras de sangue de arredor de 500 persoas e confirma a necesidade de reforzar estratexias nutricionais baseadas en evidencia científica
Minerais-contra-o-cancro-Lugo
12 Feb 2026

O proxecto ‘Minerais contra o cancro’, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Hospital Universitario Lucus Augusti, constatou que o selenio é o micromineral máis vulnerable entre a poboación adulta da provincia de Lugo, con niveis subóptimos en máis da metade das persoas participantes. A investigación, que se desenvolveu grazas a un programa de micromecenado no que colaboraron entidades, empresas, cidadanía e persoas doantes de sangue, vén de presentar os seus principais resultados tras analizar mostras de arredor de 500 persoas adultas sas.

A iniciativa está liderada pola profesora Marta López Alonso e o grupo de investigación en Medicina Animal (IMedA) da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, en colaboración co HULA. Durante o acto celebrado este xoves 12 no hospital lucense, López Alonso explicou que o proxecto xurdiu dunha reflexión científica apoiada na experiencia compartida entre a investigación básica e a práctica clínica. A detección de alteracións no perfil mineral en animais enfermos, xunto coa observación en pacientes oncolóxicos, levou ao equipo a formular a hipótese de que os microminerais, determinantes na saúde animal, tamén poden desempeñar un papel clave na saúde humana.

O estudo consistiu na recollida de mostras de sangue e na realización de enquisas epidemiolóxicas e nutricionais detalladas para coñecer os hábitos de vida e alimentación das persoas participantes. Nas análises examináronse 14 elementos traza, incluíndo microminerais esenciais como ferro, zinc, iodo ou selenio, así como elementos tóxicos como mercurio, chumbo e cadmio, empregando técnicas de alta precisión. O traballo deu lugar á tese doutoral de Inés Rivas Fernández, que integra unha revisión científica e tres estudos experimentais, ademais da publicación de catro artigos en revistas internacionais. No acto participaron tamén Ramón Ares Rico, director xerente do HULA, e Rafael Monte Secades, coordinador do proxecto no hospital.

En termos xerais, a maioría dos microminerais esenciais sitúanse en rangos adecuados na poboación estudada, pero o selenio destacou como o nutrinte con maior risco de déficit, especialmente nas persoas de máis idade. Trátase dun elemento esencial implicado en procesos antioxidantes, inmunitarios e metabólicos. Pola súa banda, algúns elementos tóxicos como o mercurio, o chumbo ou o cadmio amosan unha tendencia a acumularse co envellecemento, aínda que na maior parte dos casos permanecen en niveis baixos.

A análise dos patróns alimentarios revelou que as persoas con mellores niveis de selenio adoitan seguir dietas máis equilibradas, con maior presenza de peixe e legumes e menor consumo de graxas. Tamén se observou unha relación positiva co consumo de froitos secos. O peixe emerxe como un alimento determinante, asociado a maiores concentracións de selenio e iodo, pero tamén a unha maior exposición a arsénico e mercurio, o que evidencia o seu dobre papel como fonte nutricional valiosa e potencial vía de entrada de contaminantes.

Os resultados subliñan a importancia de avaliar o estado mineral mediante biomarcadores en sangue, máis alá das estimacións dietéticas, xa que este enfoque permite detectar carencias subclínicas e exposicións ambientais antes de que se manifesten problemas de saúde. O equipo investigador considera que a situación do selenio na poboación lucense pon de manifesto a necesidade de deseñar estratexias nutricionais fundamentadas na evidencia científica que melloren a súa achega a través da dieta sen incrementar o risco derivado da exposición a elementos tóxicos. As conclusións teñen implicacións relevantes en prevención, saúde pública e envellecemento saudable.

Na actualidade, o grupo traballa en novas liñas centradas na relación entre o estado dos microminerais, o microbioma e distintos tipos de cancro, co obxectivo de profundar na súa influencia na aparición, progresión e resposta aos tratamentos. Ademais, estanse a deseñar proxectos orientados a outras patoloxías crónicas nas que estudos internacionais xa describiron asociacións entre o estatus mineral e o risco ou prognóstico da enfermidade, unha cuestión especialmente relevante nas persoas maiores, nas que os desequilibrios poden estar ligados ao deterioro funcional, á inflamación crónica ou á menor capacidade de resposta fronte ao estrés e á enfermidade.

⚙ Configurar cookies
0.084755182266235