O próximo martes, 11 de marzo, terá lugar o pleno de investidura do Concello de Lugo

LugoXa
De cara ao novo período que comeza o martes, Arroxo fixou como prioridade principal a "aprobación definitiva dos orzamentos municipais"
bandeiras-a-media-asta
6 Mar 2025

O pleno de investidura do Concello de Lugo para elixir ao novo alcalde da cidade celebrarase o próximo martes, 11 de marzo, ás 19:00 horas.

O alcalde en funcións, Rubén Arroxo, destacou a "agilidade" coa que o PSdeG resolveu a situación tras o falecemento de Paula Alvarellos, sinalando que "nun momento moi complicado, conseguiron resolver esta situación en tempo récord".

De cara ao novo período que comeza o martes, Arroxo fixou como prioridade principal a "aprobación definitiva dos orzamentos municipais, a ferramenta que nos permite garantir que o Concello siga funcionando ao longo do ano". Tamén mencionou outros proxectos importantes, como a ordenanza de Terrazas, que se converterá na primeira normativa en Lugo para regular estas instalacións e que está "prácticamente pechada". Ademais, destacou a organización do tráfico no casco histórico, xa que as obras están preto de rematar e é necesario definir os itinerarios de circulación definitivos.

En canto á Tenencia de Alcaldía, que segue sendo xestionada polos cinco concelleiros do BNG, Rubén Arroxo confirmou que se manterán as mesmas responsabilidades. Arroxo continuará á fronte da área de Mobilidade e Infraestruturas, Maite Ferreiro seguirá en Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Alexandre Penas será concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Cristina López encargaranse de Participación e Servizos á Veciñanza, e Iria Buide manterase á fronte de Educación e Difusión do Coñecemento.

Rubén Arroxo tamén quixo resaltar a "boa relación persoal" que mantivo con Miguel Fernández ao longo dos últimos meses, considerándoa "clave para garantir o bo funcionamento do goberno local". Ademais, asegurou que, "máis alá dos cambios que haberá no goberno debido á reestruturación do grupo do PSdeG, manterase unha política continuísta baseada no pacto asinando entre as dúas forzas que conforman o goberno".

⚙ Configurar cookies
0.069761991500854