O PSdeG acusa ao PP de Baleira de duplicar o ICIO ata o máximo legal e frear a actividade económica

O Grupo Municipal Socialista de Baleira denunciou no pleno ordinario a aprobación por parte do Partido Popular dunha modificación da ordenanza fiscal do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras que supón duplicar o gravame existente ao pasar do 2 por cento ao 4 por cento, o tipo máximo permitido pola lexislación vixente. Segundo advertiron dende o PSdeG, esta decisión sitúa o concello entre os poucos de Galicia que aplican o máximo legal deste imposto.
Dende o Grupo Socialista consideran que a medida vai xusto na dirección contraria ás necesidades reais de Baleira, ao encarecer directamente a rehabilitación de vivendas, a execución de obras e o desenvolvemento de proxectos que xeran actividade económica e dinamización no municipio. Ao seu xuízo, trátase dunha suba absolutamente desproporcionada que pode desincentivar o investimento e frear iniciativas empresariais no rural.
Os socialistas critican ademais que o goberno local opte polo que cualifican como o camiño máis doado, que é incrementar a presión fiscal, no canto de explorar vías alternativas de financiamento ou impulsar políticas activas de desenvolvemento. A este respecto, sinalan que o que resulta necesario é apoiar a quen aposta por investir, rehabilitar unha vivenda ou poñer en marcha unha actividade económica, e non engadir novas cargas económicas.
Na súa intervención, o PSdeG subliñou que esta modificación da ordenanza vai en detrimento do emprego, do traballo e das oportunidades no ámbito rural, e insistiu en que o Concello debería priorizar políticas orientadas a fomentar a industria, a rehabilitación do parque de vivendas e a fixación de poboación no territorio.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista reiterou o seu rexeitamento á suba do ICIO e instou ao goberno municipal do Partido Popular a rectificar unha decisión que consideran inxusta, prexudicial para o interese xeral e afastada das necesidades da veciñanza de Baleira.