O PSdeG acusa ao PP e á Xunta de abandonar o Castelo de Torés tras o seu derrubamento parcial

LugoXa
Os socialistas denuncian anos de desleixo institucional nun Ben de Interese Cultural e critican a falta de actuacións de conservación e protección
Castelo-de-Torés-As-Nogais-neve
6 Feb 2026

O PSdeG de As Nogais responsabiliza ao goberno municipal do Partido Popular e á Xunta de Galicia do estado de abandono no que se atopa o Castelo de Torés, un Ben de Interese Cultural cuxo recente derrubamento deixou ao descuberto, segundo os socialistas, unha situación de deterioro prolongado provocada pola ausencia total de mantemento e conservación ao longo dos últimos anos.

Desde a formación socialista explican que as intensas choivas rexistradas nas últimas semanas actuaron unicamente como elemento desencadeante dun problema moito máis fondo, advertido en repetidas ocasións tanto por colectivos en defensa do patrimonio como pola propia veciñanza, que xa alertaran do avanzado estado de degradación do monumento sen que se adoptasen medidas preventivas.

No pleno ordinario celebrado hoxe, o Grupo Municipal Socialista preguntou ao executivo local se tiña intención de instar á Xunta de Galicia a intervir para protexer os bens de interese cultural existentes no concello, tendo en conta o seu progresivo deterioro. Segundo o PSdeG, no caso concreto do Castelo de Torés, o alcalde limitouse a sinalar que pouco se podía facer ao tratarse dunha propiedade privada, insistindo ademais en que o Concello non asumirá actuacións de conservación en inmobles con propietarios privados, sen anunciar ningunha iniciativa concreta nin actuación futura.

Os socialistas lembran que xa en anteriores sesións plenarias formularon preguntas sobre as medidas que o Concello pensaba impulsar para frear o deterioro de distintos bens patrimoniais do municipio, como a Torre de Doncos, a igrexa de San Andrés ou o propio Castelo de Torés, sen obter tampouco daquela respostas claras nin compromisos de actuación por parte do goberno local.

O voceiro do PSdeG en As Nogais, Ismael Carcedo, considera que o debate do pleno de hoxe evidenciou “que o goberno municipal non ten ningunha intención de actuar sobre o Castelo de Torés” e critica que se escuden na titularidade do inmoble cando se trata dun Ben de Interese Cultural e dun elemento simbólico para o concello.

Carcedo lembra ademais que no ano 2013 o castelo foi cedido ao Concello de As Nogais por un período de 25 anos e que, transcorrida xa máis da metade dese prazo, non existe ningún proxecto de recuperación nin de posta en valor, nin tampouco se levaron a cabo actuacións básicas de conservación.

Neste contexto, o voceiro socialista subliña que a protección e valorización do patrimonio municipal figuraban de maneira destacada no programa electoral do PSdeG, precisamente pola necesidade de deter o deterioro progresivo destes bens, e considera inaceptable que o Partido Popular non presentase ata agora ningunha iniciativa para reverter esta situación.

Desde o PSdeG lembran tamén que a lexislación vixente obriga á Xunta de Galicia a intervir cando un Ben de Interese Cultural se atopa en risco, polo que cualifican de irresponsable a falta de implicación do Goberno autonómico nun caso coma o do Castelo de Torés.

O Grupo Municipal Socialista asegura que seguirá levando esta cuestión aos plenos municipais e reclamando responsabilidades ao goberno local, esixindo actuacións inmediatas que garantan a seguridade, a recuperación e a posta en valor do monumento. “Estamos a falar dun Ben de Interese Cultural abandonado, sen mantemento, sen proxecto e sen vontade política por parte do PP. Esiximos ao Concello e á Xunta que actúen antes de que a perda sexa irreversible”, concluíu Ismael Carcedo.

⚙ Configurar cookies
0.082501888275146