O PSdeG critica ao alcalde por "falta de respecto" aos cidadáns que se opoñen a ALTRI

O Grupo Municipal Socialista de Palas de Rei denuncia as recentes declaracións do Alcalde do Partido Popular, Pablo Taboada, sobre o proxecto de ALTRI, nas que minimiza a preocupación social xerada pola iniciativa e nega a existencia de oposición veciñal.
A voceira socialista, Ana M. Corredoira, considera “inaceptable e profundamente irrespectuoso afirmar que non hai veciños que se manifesten en contra”, cando foron numerosas as mobilizacións convocadas nos últimos meses por colectivos veciñais, plataformas ecoloxistas e diversos sectores sociais. “Se se informase un pouco, sabería que a veciñanza leva tempo expresando a súa preocupación”, advertiu.
Desde o grupo socialista lembran que xa presentaron unha moción no pleno de xuño de 2024 co obxectivo de abrir un debate público e rigoroso sobre o impacto ambiental, social e económico do proxecto, e que o goberno local nin prestou atención nin replicou absolutamente nada. “Nunca quixeron debater nin consultar á cidadanía, e agora pretenden facer ver que todo está claro e que hai consenso, cando é xusto o contrario”, sinalou Corredoira.
A voceira lembra que no propio texto da moción xa advertían que “o proxecto promovido por Altri-Greenalia non representa unha resposta ás necesidades do interior galego nin cumpre cos piares de responsabilidade social e ambiental que un proxecto desta magnitude debe garantir”, e que “preténdese instalar un auténtico polígono industrial a cero metros da ZEC Serra do Careón, ignorando a protección de hábitats e a biodiversidade”.
Os socialistas de Palas levan anos defendendo a urxencia de protexer o territorio e garantir a sustentabilidade, fronte a un proxecto que afectaría directamente á contorna do río Ulla, á Rede Natura, ao solo e á paisaxe, ademais de promover un modelo forestal baseado no monocultivo de eucalipto e nun consumo excesivo de auga.
Tamén destacan que “o consumo de auga solicitado supera o que consomen todos os habitantes da provincia de Lugo nun día, e a devolución ao río será cunha temperatura de 27 graos e carga química importante”, o que, segundo Corredoira, “é incompatible co contexto de cambio climático e co equilibrio ecolóxico do río Ulla e da Ría de Arousa”.
“O alcalde mostra un absoluto desprezo pola veciñanza ao negar a realidade e pechar os ollos ante unha oposición social evidente. En vez de poñerse do lado da cidadanía, prefire facerlle a campaña a unha empresa con intereses privados, actuando máis como comercial que como representante público. É unha actitude indecente e inaceptable nun cargo institucional, máis aínda cando está en xogo o futuro do noso territorio e a calidade de vida da veciñanza de Palas”, concluíu Corredoira.