O PSdeG da provincia reforza a súa organización de cara ás próximas eleccións

A Comisión Xestora do PSdeG na provincia de Lugo mantivo este venres unha reunión de traballo na que se abordaron cuestións organizativas e políticas clave para o partido, co obxectivo de fortalecer a estrutura interna e avanzar na preparación das eleccións municipais de 2027.
No encontro acordouse o nomeamento de tres novas coordinacións provinciais, coa finalidade de reforzar o a organización interna e a acción política. Patricia Otero asume a Coordinación de Política Institucional; Silvia Rodríguez Díaz, a Coordinación de Política Municipal; e Marina Ramudo Graña, a Coordinación de Organización.
Durante a reunión, a dirección provincial analizou tamén o recente nomeamento de Carmela López Moreno como Presidenta da Deputación de Lugo, un proceso culminado con éxito que garante a continuidade dun goberno de progreso xunto ao BNG, en liña co acordo acadado en 2023. Este paso consolida a estabilidade institucional e sitúa á Deputación nunha posición sólida para completar a lexislatura e afrontar con garantías o horizonte de 2027.
A dirección socialista definiu ademais os dous grandes obxectivos que marcarán o seu traballo nesta etapa. Por unha banda, no ámbito orgánico, a prioridade céntrase en recuperar o funcionamento normal de todas as estruturas do partido a nivel local, comarcal e provincial, completando as executivas locais pendentes e reforzando o compromiso e a participación da militancia.
No ámbito político, o segundo gran obxectivo sitúase na preparación das eleccións municipais de 2027. Neste sentido, os socialistas apostan por consolidar os grupos municipais e as alcaldías coas que xa conta o PSdeG na provincia, mellorar os seus resultados e fortalecer os proxectos políticos existentes.
Así mesmo, impulsarase o traballo das candidaturas actuais de cara a súa continuidade nas vindeiras eleccións e iniciarase, nos concellos onde non existe representación socialista, un proceso de preparación de novas candidaturas da man das agrupacións locais.
O obxectivo do PSdeG de cara a 2027 é presentar candidaturas en todos os concellos da provincia, ampliar a presenza municipal socialista, incrementar o número de alcaldías e manter o goberno da Deputación de Lugo.