O PSdeG de Antas de Ulla defende no Pleno propostas realizadas pola veciñanza

LugoXa
O PSdeG de Antas de Ulla conseguiu trasladar ao Pleno mocións que recollen necesidades e propostas realizadas pola propia veciñanza
concello de antas de ulla
11 Nov 2021

O PSdeG de Antas de Ulla conseguiu trasladar ao Pleno da Corporación municipal mocións que recollen necesidades e propostas realizadas pola propia veciñanza aos concelleiros e concelleiras socialistas, a pesar dos “continuos intentos de veto do Alcalde”, cos que, ademais de “evitar o debate e non querer manifestar o seu posicionamento sobre asuntos importantes para os nosos veciños e veciñas”, trata de “vulnerar os dereitos da oposición e alterar o normal funcionamento democrático do Concello”.

A voceira socialista no Concello de Antas, Pilar García Porto, explicou que o seu grupo solicitou un Pleno extraordinario, celebrado este pasado luns, para poder expoñer catro mocións de importante calado social despois de que o rexedor decidise “de maneira unilateral ignoralas e deixalas fóra da orde do día” das sesións plenarias celebradas en xuño e setembro a pesar de que “as presentamos en tempo e forma”.

O PSdeG conseguiu no Pleno, ao que o grupo de AVA non asistiu, o apoio para reclamar melloras nas instalacións da Escola Infantil, unha demanda que os socialistas xa fixeron ante a Corporación en reiteradas ocasións sen que o Goberno local fixese nada ata o momento.

Tendo en conta as deficiencias que presenta o recinto da escola, tanto no acceso como no patio exterior, e a escaseza de espazo no interior, algo agravado porque nos últimos anos ocúpanse practicamente as 20 prazas dispoñibles, “reclamamos ao Alcalde que cumpra coas súas obrigas e atenda ás demandas para mellorar as instalacións, dándolle traslado das mesmas á administración competente se fora preciso, para realizar unha mellora integral do local actual, ou ben trasladar a escola a outras dependencias máis axeitas”, argumentou García Porto.

En cambio, o PP, “nun novo acto de desprezo ós veciños”, rexeitou sen sequera entrar no debate a proposta na que os socialistas pedían que o Concello investise a partida de case 123.000€ que ten consignada no Orzamento deste ano 2021 na recuperación do conxunto das instalacións deportivas e de xeito máis singular do pavillón polideportivo, “que se atopa en auténtico desuso ante unha falta evidente de conservación que se aprecia dende o seu exterior coa presenza de cristais rotos, falta de limpeza e deterioro ou inexistencia de elementos deportivos, como canastras ou portarías, goteiras na cuberta e deterioro no chan da pista”.

Nesta moción, que non saíu adiante polo voto en contra dos populares, o PSdeG tamén propoñía regular e diferenciar o uso e acceso das zonas deportivas, o campo de fútbol e o pavillón da zona de ocio das piscinas, e impulsar unha ordenanza municipal reguladora dun prezo público pola utilización das piscinas coas correspondentes bonificacións en función de diferentes cuestións, como tramos de idade, familias numerosas, situación laboral ou certificado de empadronamento.

Tamén sen tan sequera utilizar a quenda de palabra, o Alcalde e o grupo do PP votaron en contra da creación dun Consello Municipal de Cultura, Deporte, Patrimonio e Festividades proposta polos socialistas para garantir a participación do amplo e dinámico tecido asociativo co que conta o municipio na organización dunha programación de actividades de lecer, culturais e formativas ao longo do ano e, ao mesmo tempo, acabar “coa falta de implicación e a improvisación continua do Concello ao longo dos anos en asuntos relevantes para a veciñanza como son os relacionados co eido da cultura, costumes e tradicións”. 

Así mesmo, o Partido Popular rexeitou outorgar a Medalla de Ouro do Concello á Escola Banda de Música de Antas, como pediu o PSdeG, por considerar que calquera colectivo cultural da localidade pode ser merecedor deste recoñecemento, o que supón un “absoluto menosprezo” a unha formación que neste 2021 cumpre o “fito histórico” de cumprir 125 anos de vida, ademais de ser un emblema e unha embaixadora de Antas de Ulla, sendo hoxe “unha das agrupacións máis relevantes de Galicia no panorama bandístico”.

0.16928195953369