O PSOE de Baleira critica a inacción do alcalde ante problemas de servizos e infraestruturas

LugoXa
O grupo socialista denuncia a falta de planificación e respostas concretas no pleno ordinario, desde prazas de persoal ata camiños, auga e alumeado de Nadal
jose tellado-candidato psoe-baleira
5 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista de Baleira trasladou ao pleno ordinario diversas preguntas sobre cuestións que levan meses xerando preocupación entre a veciñanza, sen obter respostas claras nin compromisos por parte do alcalde.

O voceiro socialista, José Tellado, preguntou cando se cubrirá a praza de administrativo creada coa aprobación da RPT municipal. O rexedor limitouse a indicar que deberá incluírse nos próximos orzamentos, recoñecendo que “de momento non se vai cubrir”. Tellado lembrou que esta praza é fundamental para apoiar o traballo da secretaria-interventora e reclamou que se tramite canto antes, ao considerar que “non ten sentido aprobar unha RPT e logo gardala nun caixón mentres o Concello segue falto de persoal e de medios para atender á veciñanza”.

O PSdeG tamén solicitou explicacións sobre o camiño do Campeirón, que segue sen arranxarse na súa totalidade a pesar das promesas do alcalde de rematalo antes de finalizar outubro. O rexedor afirmou que “se arranxou a parte que peor estaba”, pero os socialistas sosteñen que o tramo máis deteriorado é precisamente o que continúa sen reparar. Tellado advertiu que “fixeron só a metade e deixaron o resto sen arranxar, a pesar de que os veciños levan máis de dous anos agardando”, cualificando esta situación como outro exemplo da falta de planificación e compromiso do goberno local.

En relación coa auga en Mendreiras, o voceiro denunciou que o Concello continúa sen dar unha resposta efectiva aos problemas provocados pola escorrentía procedente do monte, que baixa directamente ás vivendas. Tellado insistiu en que non bastan promesas imprecisas e reclamou actuacións concretas para garantir a seguridade das casas afectadas.

O grupo socialista interesouse tamén polas xestións ante a Xunta de Galicia para arranxar a estrada LU-750, que une Meira co enlace da A-6 en Neira de Rei. Tellado recordou que o PSdeG presentou emendas no Parlamento galego reclamando unha actuación urxente neste vial, “que se está a desfacer por completo no tramo de Baleira”, pero que o alcalde non deu resposta algunha, evidenciando, segundo os socialistas, a falta de interese do goberno local por un problema que afecta o día a día da veciñanza.

Finalmente, a formación preguntou polo alumeado de Nadal, que cualificaron de “moi pobre e con notables agravios entre parroquias”. O PSdeG denunciou a ausencia dun criterio claro na distribución da iluminación, mentres que o alcalde non explicou a súa repartición. Tellado destacou que, sendo o Concello quen asume o custe da electricidade, debería garantir unha distribución equilibrada: “Hai parroquias molestas porque non teñen ningún tipo de alumeado mentres outras si, e é inxusto que existan estas diferencias”.

Para o PSdeG, as respostas ofrecidas polo alcalde no pleno evidencian un goberno municipal pasivo, sen planificación e alleo aos problemas diarios do municipio. “Nós imos seguir onde sempre estivemos: ao lado da cidadanía, fiscalizando a falta de xestión do alcalde e reclamando solucións que non poden seguir agardando”, concluíu Tellado.

⚙ Configurar cookies
0.079657077789307