O PSdeG de Baleira critica a inacción do goberno local ante os problemas de sinal da TDT

LugoXa
Os socialistas contactaron coa empresa responsable para buscar unha solución mentres acusan ao PP de desatender un servizo básico
PSOE-Baleira
16 Sep 2025

O Grupo Municipal Socialista de Baleira denunciou a falta de actuación do goberno local do Partido Popular fronte ás graves deficiencias que arrastra o sinal da Televisión Dixital Terrestre (TDT), que continúa chegando con mala calidade a numerosos fogares do concello.

O voceiro socialista, José Tellado, lembrou que a cuestión xa fora trasladada ao pleno no mes de abril e advertiu de que, a día de hoxe, o executivo local segue sen dar unha resposta. Segundo indicou, o Concello ten a competencia de garantir o bo funcionamento deste servizo, pero a inacción do goberno obrigou ao PSdeG a dar un paso adiante.

Nesta liña, o grupo socialista mantivo contacto coa empresa responsable, que achegou información técnica sobre as dificultades existentes e as alternativas dispoñibles para mellorar a cobertura. Tellado asegurou que se está traballando para reparar as antenas canto antes e que a veciñanza dispoña dun sinal en condicións.

Os socialistas subliñan que o acceso a unha TDT de calidade é un servizo básico que o Concello non pode desatender. Por iso, comprométense a seguir traballando ata acadar unha solución definitiva e instan ao PP a asumir de inmediato as súas responsabilidades. “Mentres eles calan, nós buscamos solucións para a veciñanza”, concluíu Tellado.

⚙ Configurar cookies
0.11098599433899