O PSdeG de Baleira denuncia consumo de auga non potable en Vilaselle e esixe medidas urxentes

LugoXa
Os socialistas reclaman unha nova analítica actualizada e critican a falta de solucións estruturais do goberno local
jose tellado-candidato psoe-baleira
10 Apr 2026

O Grupo Municipal Socialista de Baleira, por medio do seu voceiro José Tellado, advertiu de que veciñas e veciños da parroquia de Vilaselle estarían a consumir auga non apta para o consumo, segundo os resultados dunha análise realizada pola propia veciñanza durante o pasado mes de marzo.

Desde o PSdeG cualifican esta situación de moi grave, ao entender que afecta de maneira directa á saúde pública, e reclaman ao executivo municipal, en mans do Partido Popular, unha intervención inmediata. Entre as súas demandas figura a realización dunha nova analítica que reflicta o estado actual da auga, así como a adopción de medidas eficaces que garantan a calidade do subministro.

Os concelleiros socialistas lembran que xa trasladaran esta problemática no último pleno ordinario, celebrado o 1 de abril, onde puxeron en coñecemento do goberno local tanto a preocupación da veciñanza como os resultados da análise que cualificaba a auga como non potable.

Fronte a estas advertencias, o alcalde sostivo que os niveis detectados non se corresponden coa realidade, apoiándose nunha análise encargada polo Concello no mes de novembro. Porén, desde o PSdeG consideran que eses datos están desactualizados e non reflicten a situación actual da rede de abastecemento.

Ademais, critican que a única resposta adoptada ata o momento polo executivo local sexa a repartición de garrafas de auga entre a poboación afectada, unha medida que consideran claramente insuficiente ao non solucionar a orixe do problema nin ofrecer unha alternativa estable.

“O que está en xogo é a saúde da veciñanza e non se pode minimizar un problema desta magnitude con informes de hai meses”, asegurou Tellado.

O Grupo Socialista insiste en que o Concello ten a obriga de garantir un abastecemento seguro e subliña que, ante calquera dúbida sobre a potabilidade da auga, debe prevalecer a protección da saúde pública.

0.11176896095276