O PSdeG de Baleira levará ao pleno dúas mocións

O Grupo Municipal Socialista de Baleira rexistrou dúas mocións que serán debatidas no pleno ordinario do mes de febreiro, previsto para o mércores día 4, co obxectivo de mellorar as condicións de acceso ao CEIP Concepción López Rei e de defender os intereses do sector gandeiro da provincia de Lugo fronte ao acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur.
A primeira das propostas solicita ao Concello de Baleira que realice as xestións oportunas ante a Xunta de Galicia para executar a cuberta do acceso ao centro educativo, unha actuación que permitiría mellorar as condicións de entrada ao colexio e protexer ao alumnado das inclemencias meteorolóxicas, especialmente durante o inverno. Desde o PSdeG explican que esta demanda responde ás queixas trasladadas por pais e nais do alumnado, que levan tempo advertindo de que nos días de choiva intensa os nenos e nenas deben percorrer unha distancia considerable desde a entrada do recinto escolar ata a porta principal sen ningún tipo de protección, o que provoca que pasen boa parte da xornada mollados.
A segunda moción que defenderán os socialistas céntrase na defensa do sector gandeiro lucense ante a posible aplicación do acordo comercial UE–Mercosur, cuxa ratificación podería ter consecuencias directas para a gandería galega e o conxunto do sector agroalimentario. O PSdeG alerta dos riscos dunha apertura comercial que non contemple garantías suficientes, especialmente en relación coa competencia desleal e co cumprimento dos estándares sanitarios, ambientais e de benestar animal que se esixen na Unión Europea. A iniciativa insta tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno do Estado a reforzar os controis nas fronteiras, activar cláusulas de salvagarda, promover a diferenciación da carne galega e impulsar medidas específicas de apoio á renda das explotacións gandeiras.
Desde o PSdeG de Baleira destacan que ambas iniciativas xorden do contacto directo coa veciñanza e dunha forma de entender a política centrada na realidade do municipio. Os socialistas aseguran que seguirán levando ao pleno as demandas, necesidades e preocupacións da cidadanía e reiteran o seu compromiso coa defensa dos servizos públicos e coa protección do rural fronte ao que consideran falta de acción do goberno local.