O PSdeG de Baleira logra o respaldo do Pleno para esixir melloras na sanidade

O Grupo Municipal Socialista de Baleira levou ao Pleno celebrado este mércores unha batería de propostas que recollen as principais demandas da veciñanza en materias como sanidade, abastecemento de auga, alumeado público, telecomunicacións e infraestruturas, deixando en evidencia a falta de compromiso e de respostas claras do goberno local do Partido Popular.
O Pleno aprobou por maioría absoluta a proposta socialista para instar á Alcaldía a reclamar á Xunta de Galicia e ao Sergas unha atención sanitaria continua no municipio. O acordo inclúe a cobertura inmediata das ausencias da facultativa titular con persoal substituto, a reorganización da asistencia permitindo que a veciñanza poida acudir tanto ao PAC de Meira como ao do Corgo en función da proximidade e a posta en marcha dunha campaña de recollida de sinaturas para remitila á Consellería de Sanidade.
O voceiro socialista, José Tellado, destacou que “o importante é que este acordo se traduza en feitos, porque a veciñanza precisa resultados e non máis desculpas”, subliñando que este respaldo é “un exemplo de que o traballo da oposición pode converterse en avances reais para Baleira”.
O PSdeG puxo tamén sobre a mesa o problema do abastecemento de auga, despois de semanas de queixas pola falta de presión e polos cortes en numerosos fogares. Tellado criticou que o alcalde se limitara a ofrecer explicacións vagas, apelando á lentitude administrativa e a proxectos pendentes, sen comprometer medidas concretas.
Outros asuntos que os socialistas trasladaron ao Pleno foron a falta de alumeado en varias zonas, a precariedade das telecomunicacións, a ausencia de axudas municipais e o mal estado das pistas, que seguen sen desbrozar. Sobre o alumeado, Tellado advertiu que “se está instalando a contagotas”, mentres que o rexedor respondeu que se irá facendo “segundo puideran economicamente”.
En relación coa fibra óptica, o alcalde recoñeceu que descoñecía a quen debía dirixirse, polo que o PSdeG tivo que lembrarlle que a Alcaldía pode trasladar estas reclamacións directamente ás empresas, como xa fixeran os socialistas no caso da TDT. Tamén se confirmou que non existen axudas municipais para as familias polo inicio do curso escolar.
O Grupo Socialista puxo o foco ademais na situación laboral do persoal municipal, reclamando que se impulse canto antes a aprobación da RPT. “Instamos ao alcalde a que leve este documento ao Pleno coa maior celeridade”, apuntou Tellado.
“O noso compromiso é seguir esixindo solucións reais a un goberno local instalado na pasividade. Baleira precisa respostas e non escusas”, concluíu o voceiro socialista.