O PSdeG de Baralla denuncia a falta de médicos no centro de saúde

LugoXa
Os socialistas aseguran que o municipio debería contar con tres facultativos, pero a maioría dos días só hai un profesional para atender á veciñanza
centro-saude-baralla
17 Mar 2026

O PSdeG de Baralla volveu denunciar a complicada situación sanitaria que, segundo afirman, sofre o municipio pola falta de persoal médico no centro de saúde e pola “total inacción” do goberno local do Partido Popular, ao que acusan de permanecer inmóbil mentres o servizo funciona por baixo das ratios que corresponderían ao concello.

O voceiro socialista, Jaime González del Río, explica que Baralla debería dispoñer de tres facultativos, pero asegura que na maior parte das xornadas só hai un médico para atender a toda a poboación. Ademais, este profesional debe asumir ao mesmo tempo as consultas correspondentes a dúas prazas médicas, realizar visitas domiciliarias, atender emerxencias e cubrir todas as necesidades asistenciais dun municipio considerado de especial dificultade e cunha poboación maioritariamente envellecida.

Segundo sinalan desde a formación, a situación complícase aínda máis porque en ocasións o SERGAS non substitúe as baixas do persoal sanitario. Noutras, engaden, envíase un médico durante só catro horas ao día, cun contrato que non contempla nin a atención a domicilio nin a resposta a emerxencias, o que, ao seu xuízo, incrementa a precariedade do servizo e deixa á veciñanza nunha situación de clara desprotección.

Baixo o lema de que “farolas e muros non curan a ninguén”, o PSdeG considera que esta problemática é consecuencia directa das políticas sanitarias do Partido Popular na Xunta de Galicia, ás que responsabilizan de continuar debilitando a atención primaria no medio rural mentres se ignora a falta de profesionais nos concellos máis dispersos e envellecidos.

Neste contexto, os socialistas pregúntanse cando a cidadanía será consciente de que, “por moitos muros ou farolas que aparezan por arte de maxia nas súas casas, sen sanidade nin servizos esenciais o pobo morre”. Engaden que a prioridade dun goberno responsable debería ser garantir unha atención sanitaria digna para a veciñanza, e non tratar de ocultar a realidade con actuacións superficiais mentres se deterioran servizos básicos.

A formación tamén critica a actitude do alcalde, ao que acusan de actuar coa situación sanitaria do mesmo xeito que, segundo lembran, ocorreu co proxecto das liñas de alta tensión que pretendían atravesar Constantin. Segundo indican, naquela ocasión o rexedor asegurou descoñecer a iniciativa e posteriormente afirmou que levaba anos negociando coas empresas promotoras.

“Estamos seguros de que agora, cando di que está ‘traballando’ para mellorar a situación sanitaria, é a mesma forma de ‘traballar’ coa que ocultou á veciñanza a instalación das liñas de alta tensión”, sinalan desde o PSdeG.

Os socialistas apuntan tamén á responsabilidade da xerencia sanitaria, á que reprochan un profundo descoñecemento da realidade da comarca e das necesidades dun concello rural como Baralla. Ao seu xuízo, con responsables que non coñecen a situación real do territorio é imposible que o servizo sanitario funcione correctamente. Ademais, lamentan que, en lugar de defender a sanidade pública no rural, “pareza que algúns están máis preocupados por facer méritos para seguir escalando nas listas do Partido Popular”.

Ante esta situación, o PSdeG reclama ao SERGAS e ao goberno local do PP que asuman as súas responsabilidades e garantan de maneira inmediata a cobertura das tres prazas médicas que lle corresponden ao concello, a presenza de profesionais con contratos completos que inclúan atención domiciliaria e resposta a emerxencias, así como un compromiso real coa sanidade pública nun municipio que, pola súa dispersión territorial e o envellecemento da poboación, precisa unha atención reforzada.

“Baralla non pode seguir abandonada mentres o PP continúa mirando cara a outro lado. A saúde da veciñanza debe estar por riba de calquera interese partidista”, conclúen.

0.11527299880981