O PSdeG de Baralla esixe igualdade fiscal e condena a violencia política

O Grupo Municipal Socialista de Baralla, a través do seu voceiro Jaime González del Río, defendeu no pleno deste xoves dúas mocións centradas na defensa da igualdade fiscal para a veciñanza e na condena dos ataques a partidos, cargos públicos e organizacións sociais. As propostas evidenciaron unha vez máis o discurso extremista do alcalde, Miguel González, que en lugar de defender os intereses da veciñanza dedicouse a criticar ao Partido Socialista con argumentos próximos á extrema dereita.
Na primeira moción, os socialistas reclamaban que todos os veciños de Baralla quedasen exentos do pago da auga e do lixo mentres se manteña a gratuuidade destes servizos para os usuarios do aparcadoiro de autocaravanas, coa intención de corrixir unha discriminación evidente. “Non pode haber veciños que paguen e outros que gocen gratis dos mesmos servizos. Reclamamos igualdade e xustiza tributaria”, subliñou o voceiro socialista.
Porén, o Partido Popular rexeitou a iniciativa e decidiu perpetuar a desigualdade. Durante o debate, o alcalde intentou xustificar a súa negativa presumindo de investimentos na área recreativa que, segundo González, foron sufragados pola Deputación de Lugo e a Confederación Hidrográfica. Ademais, anunciou xestións para o vindeiro ano sen concretar detalles. Reconeceu por primeira vez un gasto de 40.000 euros en reparacións que durante anos ocultara, presentándoos como un investimento. González denunciou que mentres os usuarios do aparcadoiro non pagan nada e contan incluso con wifi gratis, os veciños de Baralla deben abonar auga e lixo, o que non considera gobernar para a xente senón facer propaganda en contra da veciñanza.
A segunda moción instaba ao Pleno a condenar os ataques contra partidos políticos e as súas sedes, cargos públicos, profesionais dos medios, ONGs, sindicatos e colectivos sociais, lembrando que estas agresións supoñen un atentado contra a convivencia democrática. A pesar de que a proposta foi aprobada, o alcalde aproveitou o debate para acusar ao PSOE de “politizar” a cuestión e de ser os socialistas os que “crispan e polarizan a sociedade”. González cualificou de despropósito este comportamento, que amosa incoherencia e falta de respecto polas institucións.
O PSdeG-PSOE de Baralla reafirma así o seu papel como oposición útil, centrada en denunciar irregularidades, falta de transparencia e inxustizas que afectan á veciñanza, mediante solicitudes de información sobre infraestruturas, xestión de recursos municipais, seguridade viaria e servizos básicos, un labor que González considera imprescindible para defender os intereses de toda a veciñanza.