O PSdeG de Baralla logra o apoio do pleno a tres mocións e esixe medidas reais ao goberno local

LugoXa
Os socialistas reclaman reforzos en sanidade e educación e denuncian falta de control na xestión municipal
jaime gonzalez-candidato psoe-baralla
27 Mar 2026

O Grupo Municipal Socialista de Baralla conseguiu no último pleno o respaldo da corporación ás tres mocións que presentou en materia de sanidade, educación e defensa da paz, tres iniciativas centradas en reforzar os servizos públicos e garantir dereitos básicos da veciñanza. O voceiro do PSdeG, Jaime González del Río, valorou positivamente a aprobación das propostas, aínda que advertiu de que “os acordos non poden quedar en declaracións de intencións” e reclamou ao alcalde “máis contundencia e menos pasividade” na defensa dos intereses do municipio.

No ámbito sanitario, a primeira das mocións puxo o foco na situación da atención primaria en Baralla, onde os socialistas denuncian a falta de profesionais e o incumprimento das ratios correspondentes. Segundo explicou o voceiro, ao concello correspóndenlle tres médicos, tal e como recoñeceu o propio rexedor durante o pleno, pero actualmente só conta con dous facultativos. Ademais, cando se producen ausencias, estas cúbrense en ocasións de forma parcial ou a media xornada, o que deixa ao municipio cunha atención insuficiente. Del Río insistiu en que se trata dun problema estrutural que afecta ao conxunto da provincia, especialmente ao rural, e criticou que o alcalde “minimice a situación” e desvíe responsabilidades cara ao Goberno de España, lembrando que a sanidade é competencia da Xunta de Galicia.

O pleno aprobou tamén a moción socialista para reforzar o profesorado de apoio destinado ao alumnado con necesidades específicas, unha medida coa que o PSdeG pretende garantir unha educación inclusiva e de calidade. Neste sentido, o voceiro subliñou que “o rural non pode quedar atrás” e que é necesario asegurar que todo o alumnado reciba a atención que precisa, independentemente do lugar no que viva.

A terceira das iniciativas aprobadas centrouse na defensa da paz, do dereito internacional e da vía diplomática como única solución aos conflitos, reafirmando o compromiso da formación cos valores democráticos e a convivencia.

No apartado de control ao goberno, o PSdeG denunciou a “habitual falta de respostas” do alcalde ás preguntas formuladas polo grupo socialista e puxo de relevo diversas deficiencias na xestión municipal. Entre elas, destacou a situación da recadación do lixo, onde o propio executivo recoñeceu a necesidade de contratar unha empresa externa para comprobar se se está a facturar correctamente esta taxa. Para os socialistas, resulta “un despropósito” que o Concello non saiba quen paga e quen non, o que evidencia, ao seu xuízo, un descontrol total.

A formación vincula esta situación con outros episodios recentes, como o caso da recollida de residuos específicos, no que o Concello mantivo contratado un servizo sen ter constancia de que levaba tempo sen prestarse. Ademais, advirte de que este contexto se produce nun momento de preocupación pola situación económica do municipio, despois de coñecerse que Baralla figura entre os concellos en risco de ter que adoptar medidas extraordinarias pola súa situación financeira.

González del Río concluíu que o pleno “volve evidenciar a falta de rumbo do goberno local e a súa incapacidade para dar resposta ás necesidades da veciñanza”, insistindo en que non chega con apoiar mocións senón que é necesario actuar. Dende o PSdeG aseguran que continuarán exercendo unha oposición “útil e esixente” para garantir o cumprimento dos acordos e un funcionamento do concello baseado no rigor, a responsabilidade e o servizo á cidadanía.

0.23869180679321