O PSdeG de Baralla logra o apoio maioritario do pleno a catro das súas cinco mocións

O Grupo Municipal Socialista de Baralla celebrou o respaldo que recibiron no pleno ordinario de decembro catro das cinco mocións presentadas, un apoio que, segundo subliñan, confirma “a necesidade de actuar nos ámbitos máis desatendidos do concello” e supón “un paso adiante na mellora da seguridade, dos servizos e da defensa do patrimonio local”.
O voceiro socialista, Jaime González del Río, puxo en valor especialmente a aprobación das iniciativas relativas aos pasos elevados e á mellora da rede de sumidoiros. PSdeG, BNG e PP acordaron elaborar un escrito conxunto dirixido ao Ministerio de Transportes co fin de avanzar nos trámites e axilizar a procura de solucións. González del Río considerou este paso “un acordo importante, porque permite sumar esforzos e trasladar con máis forza as necesidades reais do municipio”.
Tamén prosperou a moción dirixida ao patrimonio histórico e cultural, que solicitaba a sinalización, o inventariado e a posta en valor dos elementos arquitectónicos e patrimoniais máis relevantes do concello. Para o PSdeG, este respaldo resulta “imprescindible para deixar atrás anos de descoido e comezar a protexer aquilo que nos define como comunidade”.
A iniciativa para a reparación integral do parque infantil da feira tamén obtivo luz verde. Os socialistas lembran que “os xogos presentan un deterioro evidente e o pavimento atópase en condicións inaceptables”, polo que consideran a aprobación “un avance necesario para recuperar un espazo de lecer básico para as familias”.
En relación cos orzamentos municipais, o Grupo Socialista votou en contra ao consideralos “pouco cribles e alleos ás necesidades reais do municipio”. Jaime González advertiu de que as contas “non responden aos problemas cotiáns nin incorporan unha planificación seria que permita frear o deterioro evidente do concello”. Segundo afirmou, “hai recursos, pero non hai unha estratexia nin un mantemento básico: o pobo está a esmorecer e non se está a facer un uso responsable do diñeiro público”.
Durante o debate, unha resposta do rexedor chamou a atención dos socialistas. Ao ser preguntado pola xestión da recollida do lixo —se continuará con medios propios ou mediante unha empresa contratada— o alcalde afirmou: “Hoxe dígolle isto, pero mañá podo cambiar e dicirlle unha cousa distinta”. Para o PSdeG, esta declaración “retrata a falta de rigor e de rumbo do goberno municipal”.
O grupo socialista conclúe que a aprobación das mocións “permitirá avanzar en cuestións fundamentais que Baralla leva anos reclamando”. Con todo, aseguran que manterán a súa labor fiscalizadora: “Hoxe demos un paso importante, pero agora toca executar os acordos. A veciñanza non precisa anuncios: precisa feitos”.