O PSdeG de Becerreá propón dar uso social aos solares baleiros do casco urbano

LugoXa
A iniciativa busca habilitar espazos abandonados como hortos, zonas verdes ou áreas de esparexemento mentres non se destinen á edificación
PSOE-Becerreá
5 Mar 2026

O PSdeG de Becerreá vén de rexistrar unha iniciativa no concello na que propón habilitar mecanismos administrativos para dar uso social aos solares baleiros e abandonados existentes no casco urbano, mentres estes espazos non se destinen á edificación ou a outros usos por parte dos seus propietarios.

Dende a agrupación socialista advirten de que no núcleo urbano de Becerreá abundan solares e parcelas sen uso que permanecen abandonados, con maleza sen controlar, o que provoca problemas de impacto ambiental e visual e afecta directamente á calidade de vida da veciñanza, especialmente das persoas que residen nas súas proximidades.

A proposta do PSdeG solicita ao Concello que estableza mecanismos administrativos que permitan actuar sobre estes espazos mentres continúan sen uso, comezando cun plan de limpeza e acondicionamento que evite focos de sucidade e deterioro urbano.

As e os socialistas suxiren que estes solares sexan habilitados temporalmente para usos sociais e comunitarios, como hortos urbanos, zonas verdes, áreas de descanso e esparexemento, parques biosaudables, xardíns ou incluso espazos de estacionamento, converténdoos en lugares de encontro veciñal e aproveitando espazos que actualmente permanecen degradados.

Dende o PSdeG de Becerreá salientan que moitos destes solares levan anos sen uso, polo que consideran necesario que o Concello adopte medidas para evitar o seu abandono prolongado e mellorar a imaxe do casco urbano.

A agrupación socialista asegura que seguirá trasladando iniciativas e propostas que contribúan a mellorar o municipio. “O noso compromiso con Becerreá é seguir traballando e achegando ideas útiles para a veciñanza. Facemos propostas realistas e necesarias. Agora o goberno municipal ten a oportunidade de demostrar se está disposto a actuar para mellorar a vida da nosa veciñanza”, conclúen.

0.12934184074402