O PSdeG de Castro de Rei denuncia a “precariedade” das traballadoras do SAF no Pleno

LugoXa | TerraChaXa
O Grupo Socialista levou unha batería de iniciativas centradas na mellora dos servizos públicos, a seguridade viaria e a defensa do territorio
Alba Sinde, PSOE Castro
31 Mar 2026

O Grupo Municipal Socialista de Castro de Rei levou ao último Pleno unha batería de iniciativas centradas na mellora dos servizos públicos, a seguridade viaria e a defensa do territorio, situando no centro do debate a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e das súas traballadoras no municipio.

A voceira socialista, Alba Sinde, explicou que as propostas “parten do contacto directo coa veciñanza e coas propias traballadoras dos servizos municipais”, e acusou ao goberno local do PP de “negar os problemas e evitar asumir responsabilidades”.

Neste sentido, Sinde denunciou que o executivo “está instalado na confrontación”, cunha actitude “máis centrada en levar a contraria á oposición que en dar solucións ás necesidades reais da veciñanza”.

A moción socialista, que saíu adiante coa abstención do PP, recollía medidas concretas para corrixir as deficiencias do servizo, trasladadas polas propias traballadoras do SAF. Entre elas, o PSdeG reclamou garantir a xornada completa das traballadoras, reorganizar as rutas para evitar desprazamentos inxustificados, recoñecer compensacións como o plus de perigosidade e o traballo en festivos, así como reducir as listas de espera e adaptar os tempos de atención ás necesidades reais das persoas usuarias.

Dende o grupo socialista subliñan que estas demandas responden á realidade que viven as traballadoras e aos problemas estruturais do servizo, que afectan tanto ás súas condicións laborais como á calidade asistencial.

Segundo explicou Sinde, o PP chegou a cualificar de falsas as denuncias, malia estar baseadas en testemuños directos das empregadas, e mesmo chegou a xustificar a situación afirmando que “as traballadoras xa sabían que era un traballo precario cando comezaron”. “É gravísimo que un goberno xustifique a precariedade laboral en lugar de corrixila”, advertiu.

A voceira tamén desmontou outros argumentos do executivo: referiuse a unha suposta bolsa de horas “que nin sequera coñecen todas as traballadoras”, asegurou que PP se declara incapaz de actuar sobre cuestións como o plus de perigosidade ou os desprazamentos e criticou que volva derivar responsabilidades á Xunta e ao Estado. “O Concello non pode desentenderse dun servizo municipal nin escudarse noutras administracións para non actuar”, subliñou.

Melloras en seguridade viaria en Castro Ribeiras do Lea

No ámbito da seguridade, o PSdeG presentou unha proposta para mellorar a visibilidade dos pasos de peóns en Castro Ribeiras do Lea, especialmente en zonas con elevada afluencia de persoas.

A iniciativa incluía a iluminación dos pasos de cebra, a instalación de sistemas de sinalización luminosa ou reflectante e a mellora da visibilidade mediante a sinalización dos estacionamentos próximos.

A proposta foi aprobada, aínda que dende o PSdeG criticaron que o goberno local “tentara desacreditala desde o inicio”, reducindo a iniciativa a unha medida “nocturna” e ignorando o conxunto das actuacións previstas.

As socialistas tamén levaron ao Pleno un rogo sobre o estado da mesa de son da Casa da Cultura, denunciando o seu deterioro por filtracións de auga e a falta de mantemento.

A iniciativa instaba a garantir a súa correcta conservación e protección, evitando danos nun equipamento público esencial para a actividade cultural do concello. Como resposta, o PP limitouse a propoñer a colocación da mesa nun armario, unha medida que o PSdeG considera “claramente insuficiente”.

O PSdeG tamén formulou un rogo para instar ao soterramento da liña de alta tensión Cordal-Ludrío ao seu paso por Castro de Rei, co obxectivo de minimizar o impacto ambiental, paisaxístico e sobre a saúde da veciñanza, nun proxecto con consecuencias directas sobre o territorio.

No mesmo Pleno, no apartado de control, o grupo socialista trasladou varias preguntas sobre a situación da residencia municipal, os convenios existentes e o destino dos fondos do pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A voceira socialista concluíu advertindo de que “o PP está máis preocupado por negar os problemas que por solucionalos”. “Estamos ante un goberno que evita asumir responsabilidades, que desacredita propostas útiles e que prefire confrontar antes que traballar polos intereses da veciñanza. Así é imposible que o noso concello avance”, rematou Sinde.

0.1242938041687