O PSdeG de Lugo leva a Pleno unha moción para que a Xunta apoie o Pacto de Estado fronte á emerxencia climática

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os socialistas reclaman tamén o cumprimento do ditame aprobado en 2018 polo Parlamento galego sobre política forestal e incendios
pleno-deputacion-lugo
28 Sep 2025

O Grupo Provincial Socialista defenderá no próximo Pleno da Deputación de Lugo unha moción coa que insta á Xunta de Galicia a sumarse ao Pacto de Estado fronte á emerxencia climática promovido polo Goberno de España e a aplicar as recomendacións aprobadas polo Parlamento galego en 2018 en materia de política forestal e prevención de incendios. Esta será a segunda iniciativa que o PSdeG leve á sesión plenaria, xunto coa destinada a garantir unha educación pública de calidade no rural e frear os recortes.

Na exposición de motivos, os socialistas lembran que España é un dos países máis vulnerables ante os efectos do cambio climático e que Galicia sofre de xeito especial as súas consecuencias, con secas máis prolongadas, choivas torrenciais máis intensas e incendios forestais cada vez máis agresivos. Segundo remarcan, o pacto de Estado baséase no coñecemento científico, na anticipación e na cooperación institucional, cun obxectivo claro: protexer á cidadanía, a economía e a biodiversidade.

A voceira provincial, Pilar García Porto, advertiu de que “a ciencia confirma o vínculo indiscutible entre o quecemento global e a virulencia dos incendios” e subliñou que “a xestión reactiva xa non é suficiente, sendo urxente apostar pola prevención, a restauración da paisaxe e a adaptación ao novo escenario climático”.

Ademais, a moción recorda o ditame aprobado polo Parlamento galego en 2018, tras a vaga de lumes de 2017, que incluía 123 medidas para reformar a política forestal e reforzar a prevención e extinción. Os socialistas denuncian que “o grao de implantación daquelas medidas segue a ser moi baixo” e reclaman que a Xunta reactive de inmediato esas actuacións e convoque a comisión de seguimento prevista. “Non podemos repetir cada verán os mesmos erros. Galicia precisa políticas serias, planificadas e estables”, conclúe o grupo provincial.

⚙ Configurar cookies
0.10371589660645