O PSdeG de Lugo marca como prioridades reforzar o territorio, a acción municipal e a defensa dos servizos públicos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
José Tomé presidiu a Executiva Provincial tras o Comité do sábado e abordou tamén a situación do SAF e a crise industrial de Sargadelos
reunion-PSOE-Lugo-provincial
3 Dec 2025

O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, presidiu unha nova reunión da Comisión Executiva Provincial, celebrada na sede do partido na cidade, na que a dirección socialista definiu as prioridades inmediatas tras o Comité Provincial do pasado sábado.

A Executiva avaliou os principais asuntos tratados no Comité, que puxo fin ao proceso congresual e abriu un novo tempo político no que o PSdeG de Lugo centrará os seus esforzos en reforzar o territorio, impulsar a acción municipal e defender os servizos públicos. Tomé subliñou que “o PSdeG de Lugo inicia unha nova etapa na que a prioridade é planificar, fortalecer o traballo nas comarcas e avanzar na coordinación municipal de cara ao novo ciclo político”.

A dirección provincial destacou o avance dos encontros comarcais en A Mariña, Terra Chá, Suroeste, Lugo e Lemos, e confirmou que se completará o calendario pendente con Sarria e a Montaña nas próximas semanas.

No ámbito da política social, Tomé informou da situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que está a tensionar aos concellos pola falta de financiamento e polo traspaso encuberto de competencias da Xunta. O líder provincial compartiu a preocupación do Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen advertiu de que “os concellos están ao límite: ou Rueda paga o que debe ou terá que explicalo ante a Xustiza”. Ademais, anunciou a convocatoria do Consello de Alcaldes e Alcaldesas antes de final de ano, no que se abordará esta cuestión como prioridade para protexer os servizos públicos e o benestar da cidadanía.

Outro dos temas tratados foi a gravísima situación en Sargadelos, onde durante varios días o persoal atopou a fábrica pechada sen explicacións nin garantías. Tomé trasladou que “o acontecido en Sargadelos é unha mostra máis da ausencia total dunha política industrial seria para a Mariña” e destacou que a comarca acumula anos de incerteza con casos como o de Alcoa. O PSdeG reiterou o seu apoio ás traballadoras e traballadores e advertiu de que a reapertura anunciada pola empresa “non resolve o sucedido nin garante estabilidade futura”.

Tomé pechou a reunión cunha mensaxe de unidade e impulso, asegurando que “chegamos ao final do ano cun partido forte, coordinado e centrado na defensa dos dereitos da xente. En 2026 imos seguir centrados no traballo municipal e no contacto directo co territorio, porque Lugo merece moito máis do que está a recibir da Xunta de Galicia”.

⚙ Configurar cookies
0.1058828830719