O PSdeG de Monterroso alerta de que o Concello incumpre a estabilidade orzamentaria

LugoXa
Os socialistas denuncian que a amortización da débeda se fixo con remanentes de tesourería e non por unha boa xestión, e reclaman un orzamento consensuado para 2026
Executiva-PSOE-Monterroso
7 Nov 2025

O PSdeG-PSOE de Monterroso criticou o discurso “triunfalista” do alcalde, Eloy Pérez, sobre a suposta “débeda cero” do Concello, ao considerar que esta situación non responde a unha xestión responsable nin eficiente, senón a unha obriga imposta polo Servizo de Intervención Municipal. Segundo lembran, o órgano advertiu dun elevado risco de quebranto da regra de gasto e da estabilidade orzamentaria.

O voceiro socialista, Rafael García, explicou que “esta amortización da débeda fíxose a cargo dos remanentes de tesourería, é dicir, dos aforros xerados en exercicios e lexislaturas anteriores, e non dunha boa planificación económica do actual goberno local”. Engadiu ademais que “este é xa o cuarto expediente tramitado con cargo a eses aforros no que vai de ano, superando os 900.000 euros en total”.

Desde o grupo socialista lamentan que recorrer de maneira constante aos remanentes se teña convertido nunha práctica habitual do goberno municipal para “parchear a súa mala xestión económica”. García incidiu en que “estes fondos non se empregaron en bens produtivos nin en investimentos extraordinarios, senón en gastos ordinarios tan básicos como o pago á empresa da recollida do lixo, o servizo de alumeado público, a alimentación da gardería e do centro de día, ou o vestiario do persoal municipal”.

O PSdeG xa votara en contra da penúltima mobilización de remanentes, ao entender que “se converteu nunha práctica constante para ir tapando deficiencias na xestión económica, poñendo en risco a estabilidade das contas municipais”. Segundo explican, ese xesto tiña como obxectivo “chamar a atención e forzar á Alcaldía a elaborar un orzamento municipal actualizado e consensuado”.

Os socialistas lembran que xa presentaron no último pleno un rogo para iniciar contactos con todos os grupos municipais de cara á confección dun orzamento conxunto para 2026, “unha proposta que, polo visto, foi ben acollida pola Alcaldía tras dous anos e medio de inacción”.

O PSdeG de Monterroso tamén advertiu de que o último informe da Secretaría-Interventora Municipal confirma o incumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, cunha necesidade de financiamento que supera os 605.000 euros. “Todo apunta a que, cando se liquide o orzamento de 2025, o Concello terá que elaborar un Plan Económico-Financeiro, un instrumento de axuste que se aplica cando se incumpren as regras fiscais de estabilidade, débeda e gasto”, sinalaron.

O grupo municipal leva tempo denunciando irregularidades nas liquidacións dos exercicios anteriores, “que non se axustan á lexislación vixente e que así o reflicten os informes de reparo da Intervención e da Secretaría”. Entre os exemplos que mencionan figuran “o fraccionamento de contratos para evitar licitacións e a existencia de contratos menores que superan os límites legais”.

Rafael García advertiu de que “Monterroso non pode seguir sen uns orzamentos actualizados, porque a falta de planificación está poñendo en risco os servizos públicos máis básicos”. O voceiro destacou que o PSdeG leva meses ofrecendo colaboración para consensuar unhas novas contas e que “agora, despois de dous anos e medio de lexislatura, o goberno municipal parece disposto a dialogar, aínda que chega tarde”.

Nesa liña, insistiu en que a nova etapa da que fala o alcalde “debería servir para acometer proxectos realmente necesarios para o municipio, como a construción dunha nova EDAR ou dunha residencia da terceira idade, dúas vellas demandas da veciñanza”. Porén, lamentou que “no borrador dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 Monterroso non figure en ningún plan de investimento, polo que o grupo socialista xa presentou as correspondentes emendas”.

O voceiro puxo en valor o papel da Deputación de Lugo, á que definiu como “a administración que máis inviste en Monterroso con moita diferenza”. “As veciñas e veciños son plenamente conscientes deste compromiso, a través das distintas actuacións que se levan a cabo no municipio para mellorar a súa calidade de vida”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.071661949157715