O PSdeG de Monterroso denuncia a parálise do goberno local e o abandono da Xunta

LugoXa
Os socialistas aseguran que o concello depende case exclusivamente dos fondos da Deputación e critican a falta de planificación e control na xestión municipal
Executiva-PSOE-Monterroso
27 Mar 2026

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso levou ao pleno municipal unha dura crítica á situación do concello, denunciando o que cualifican como unha “parálise” do goberno local do Partido Popular e acusando á Xunta de Galicia de manter unha actitude de “abandono” cara ao municipio. Segundo expuxo o voceiro socialista, Rafael García, esta situación está a provocar que o funcionamento do concello dependa “practicamente en exclusiva” dos recursos achegados pola Deputación de Lugo.

O representante do PSdeG advertiu de que a liquidación do orzamento correspondente a 2025 amosa, ao seu xuízo, un concello “sen rumbo nin planificación”, que “sobrevive grazas ao respaldo da Deputación, mentres o executivo do PP é incapaz de xestionar con solvencia os seus propios medios”.

Desde as filas socialistas subliñan que a maior parte das actuacións en marcha no municipio están financiadas a través do Plan Deputación, polo que consideran esta institución como a principal impulsora do investimento local e a única que está a responder ás demandas reais da veciñanza, tanto no ámbito rural como no urbano. En contraste, critican a “total falta de implicación” da Xunta de Galicia, á que responsabilizan de deixar Monterroso á marxe de proxectos estratéxicos. Como exemplo desta situación, lembran que o municipio non percibiu ningún fondo procedente dos convenios deportivos autonómicos durante o ano 2025.

No transcurso do debate plenario, o grupo socialista puxo o foco en diversas eivas na xestión municipal, facendo especial fincapé na situación dos contratos de servizos básicos. No relativo á limpeza, denunciaron que o servizo continúa prestándose cun contrato xa caducado, o que, segundo explican, limita a capacidade do concello para esixir melloras ou garantir unhas condicións axeitadas.

Tamén cualificaron de especialmente preocupante a situación do contrato de subministración eléctrica. Tal e como indicaron, a pesar de que o servizo fora adxudicado a unha nova empresa en xullo de 2025, o concello continuou durante varios meses aboando os recibos á anterior compañía, renunciando así ás condicións máis favorables do novo acordo. Para os socialistas, este feito constitúe “un exemplo evidente de descontrol na xestión que repercute economicamente na cidadanía”.

En relación coa execución orzamentaria, o PSdeG denuncia que foi “practicamente inexistente”, ao quedar sen executar arredor de 600.000 euros destinados a investimentos. Neste sentido, sosteñen que o superávit ao que fai referencia o alcalde non responde a unha boa xestión, senón á falta de desenvolvemento de actuacións necesarias para o municipio.

Ademais, os socialistas sinalan a existencia dun informe desfavorable da Intervención municipal sobre a política laboral e o uso reiterado de contratos menores, unha práctica que aseguran levar meses denunciando sen que o goberno local adoptase medidas correctoras. Ao seu entender, esta situación evidencia unha nova mostra de falta de planificación e de transparencia.

Durante a sesión plenaria tamén houbo críticas ao comportamento do alcalde, ao que Rafael García acusou de obstaculizar o labor de control da oposición. Segundo indicou, o rexedor negouse a dar lectura ás preguntas e rogos presentados e evitou responder a cuestións vinculadas coa xestión municipal.

Neste contexto, o voceiro socialista advertiu de que esta actitude impide que a cidadanía teña acceso a información relevante sobre asuntos que lle afectan directamente, como a taxa do lixo, o estado das infraestruturas municipais ou a perda de oportunidades de financiamento.

Finalmente, desde o Grupo Municipal Socialista instan ao goberno local do Partido Popular a abandonar a “inacción” e adoptar medidas que permitan regularizar os contratos pendentes, mellorar o grao de execución do orzamento e garantir unha xestión transparente. Ao mesmo tempo, reclaman ao alcalde que esixa á Xunta de Galicia os investimentos que consideran necesarios para Monterroso, lembrando que “ten a responsabilidade de asegurar servizos públicos de calidade e oportunidades de desenvolvemento para o conxunto do municipio”.

0.15114808082581