O PSdeG de Monterroso denuncia un “apagón democrático” no Concello e levará o caso á Valedora do Pobo

O PSdeG de Monterroso, a través do seu voceiro Rafael García, denunciou o que cualifican como unha estratexia de “bloqueo e ocultación” por parte do alcalde, ao que acusan de actuar de maneira autoritaria a pesar de gobernar en minoría dentro da corporación municipal. A formación socialista anunciou tamén a súa intención de presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo polo que consideran un “apagón democrático” no funcionamento institucional do Concello e polo incumprimento reiterado dos acordos aprobados polo Pleno.
Segundo explican desde o grupo socialista, o rexedor estaría desatendendo a vontade da maioría da corporación, formada por 8 dos 11 concelleiros, ao tempo que limita a participación da oposición nas sesións plenarias. Neste sentido, denuncian que o alcalde chegou a asumir persoalmente a lectura dos rogos e preguntas formulados polos grupos da oposición, facéndoo de forma “rápida e inintelixible”, o que, ao seu xuízo, dificulta o debate público sobre os asuntos municipais.
“O alcalde tenlle medo á voz da maioría. Busca que os problemas das rúas non se escoiten para ocultar que os acordos plenarios son papel mollado para o PP”, afirmou García.
O PSdeG respondeu tamén ás acusacións realizadas polo goberno local sobre supostas “filtracións” relacionadas coas obras de Podente e As Casas Novas. Segundo sinalan, o documento ao que fai referencia o Partido Popular é o Decreto nº 2026-0157, asinado polo propio alcalde o 9 de febreiro e remitido oficialmente á oposición como parte da documentación correspondente ao Pleno.
“Como pode ser unha filtración un documento público que o propio alcalde asinou e que nos foi entregado oficialmente? Ou o alcalde está mentindo á veciñanza ou está asinando documentos sen saber o que pon neles”, engaden desde o grupo socialista.
En relación coas obras en Podente, o Grupo Municipal Socialista rexeita que a climatoloxía sexa a responsable da situación actual e lembra que o PSdeG xa presentara un rogo no mes de xullo de 2025 advertindo do estado “deplorable” dos accesos. Ao seu entender, existiron meses con condicións meteorolóxicas favorables para actuar, polo que consideran que atribuír agora a responsabilidade ás choivas tras oito meses sen solución constitúe “unha escusa de mal pagador e un insulto á veciñanza”.
Por último, a formación contrapuxo o apoio económico da Deputación de Lugo co que consideran unha falta de investimento por parte da Xunta de Galicia. Segundo indican, mentres a institución provincial achega ao municipio máis de 300.000 euros anuais a través do Plan Deputación para investimentos e emprego, os orzamentos autonómicos para 2026 non contemplan fondos para proxectos como a residencia ou a depuradora de Monterroso.
“O alcalde debería explicar por que o seu partido en Santiago deixa a Monterroso con cero euros para infraestruturas fundamentais mentres el dedica o tempo a fabricar polémicas e propaganda”, concluíu o voceiro socialista.