O PSdeG de Monterroso logra aprobar dúas mocións sobre mellora viaria e prevención de incendios

LugoXa
Os socialistas celebran os acordos plenarios e critican o reiterado incumprimento do alcalde
Executiva-PSOE-Monterroso
26 Sep 2025

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso mostrou a súa satisfacción pola aprobación no pleno das dúas iniciativas que presentaron: a reforma integral do Camiño do Espiñeiro e a posta en marcha dun plan global de prevención e recuperación fronte á vaga de lumes. O voceiro Rafael García subliñou que se trata de propostas “que responden ás demandas reais da cidadanía e demostran que, cando existe vontade política, é posible alcanzar consensos útiles para Monterroso”.

Ao mesmo tempo, os socialistas acusaron ao alcalde de volver ignorar os acordos adoptados na corporación e lembraron que “non se trata de valorar, senón de executar o aprobado, que non é outra cousa que a vontade popular expresada polos representantes municipais”.

A primeira das mocións, destinada ao acondicionamento completo do Camiño do Espiñeiro, en Tarrío de Buxergos, recibiu o apoio unánime da corporación. García lembrou que no seu momento o executivo contratara unha obra parcial que só beneficiaba a determinados propietarios, xerando malestar veciñal. O edil cualificou esa forma de actuar de “herdanza do caciquismo máis rancio, sen cabida na actualidade”, e insistiu en que “debe prevalecer o interese común por riba dos privilexios individuais”.

O PSdeG agradeceu o respaldo e advertiu de que a intervención pendente debe realizarse “canto antes e en beneficio de toda a parroquia”.

En relación aos incendios, a segunda moción socialista, aprobada coa abstención do PP, reclamaba á Xunta un plan integral de restauración ambiental e socioeconómica nas zonas afectadas, ademais de unha reformulación do modelo de prevención e extinción que permita dispoñer dun dispositivo profesional durante todo o ano. García incidiu en que “a prevención require a implicación de administracións e propietarios”, e criticou que o modelo autonómico “demostrou non ser eficaz”.

Ademais, acusou ao propio Concello de dar un exemplo negativo ao manter en estado de abandono propiedades municipais como o cemiterio, antigas casas escola, áreas recreativas, camiños ou mesmo o Parque Empresarial, cheo de maleza e con alto risco de lume. Recordou tamén que a Valedora do Pobo tivo que intervir tras a denuncia dun veciño de Cumbraos que levaba anos reclamando a limpeza dun camiño sen obter resposta.

Noutra liña, o PSdeG formulou un rogo para a reparación urxente dos accesos ás Casas Novas, en Ligonde, que se atopan totalmente intransitables. Segundo García, a resposta do alcalde, que alegou a existencia doutros camiños en peor estado, foi “vaga e unha escusa barata”. O voceiro lembrou que os residentes xa buscaron un encontro co rexedor e mesmo difundiron un vídeo nas redes sociais para reclamar atención, pero sen éxito, polo que “chegaron a dicir que só lles queda acudir á TVG”.

Finalmente, os socialistas insistiron en reclamar explicacións polo reiterado incumprimento dos acordos plenarios, en especial aqueles promovidos pola oposición. García concluíu que “non se trata de opinar, senón de cumprir cos mandatos que saen das sesións, que representan a vontade popular expresada na corporación”.

⚙ Configurar cookies
0.093900918960571