O PSdeG de Monterroso logra que o Concello adopte a súa proposta para garantir prazas na escola infantil

O PSdeG-PSOE de Monterroso celebrou que o Concello adoptase finalmente a proposta presentada polo grupo socialista para resolver o problema da falta de prazas na escola infantil municipal de cara ao curso 2025-2026. A medida consiste na reorganización das aulas existentes, o que permitirá dar cabida a todas as solicitudes presentadas polas familias da localidade.
Segundo explicou o voceiro socialista, Rafael García, esta alternativa fora formulada polo seu grupo no pleno do mes de xuño como resposta á polémica creada pola exclusión inicial dalgunhas familias. “A proposta que agora se aplica é a mesma que levamos á Alcaldía. Celebramos que, aínda que con atraso, se impuxese o sentido común”, afirmou.
O grupo socialista amosouse satisfeito por esta rectificación, ao considerar que responde a unha demanda xusta e necesaria para garantir a conciliación da vida laboral e familiar no municipio. Ao mesmo tempo, criticou a falta de rigor do equipo de Goberno, que hai uns días aseguraba que carecía de competencias para reordenar ou abrir novas aulas, algo que finalmente acabou facendo.
Os socialistas sosteñen que foi a presión das familias afectadas, xunto co labor político da oposición, o que forzou esta rectificación por parte do executivo local. “Unha vez máis queda demostrado que a iniciativa política en Monterroso está a vir desde a oposición, mentres o Goberno permanece paralizado”, indicou García.
Desde o PSdeG-PSOE reiteraron o seu compromiso de seguir traballando con responsabilidade desde a oposición, formulando propostas construtivas que garantan o acceso igualitario aos servizos públicos. “Non vimos poñer trabas, senón a contribuír para que Monterroso avance. Hoxe é un bo día para as familias, pero tamén un aviso de que gobernar esixe seriedade, planificación e compromiso coa cidadanía”, concluíu o voceiro.